A Zona C compostelá reúne até o vindeiro 20 de decembro os 26 proxectos máis destacados do Certame Galego de Creadores Novos na súa sección de artes plásticas.
Máis de 400 persoas participaron nas 12 modalidades do concurso GZcrea, que abrangue actividades tan diversas como o graffiti, a música, a moda ou a videocreación. En total, foron 124 os participantes que presentaron os seus traballos na sección de artes plásticas, facéndose moi complexa a selección dos 26 traballos expostos. O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacou que actualmente en Galiza existe un gran número de mozos e mozas "cun gran potencial creativo, e este certame vén a consolidar un espazo no que xutar todo ese potencial".
O Director Xeral de Xuventude da Xunta, Rubén Cela e o concelleiro de Cultura compostelán, Néstor Rego, foron os encargados de inaugurar a exposición GZcrea de artes plásticas 2007, que poderemos visitar até o 20 de decembro na Zona C de Compostela. Na mostra pode verse unha selección das mellores obras presentadas ao concurso, entre as que se atopan as gañadores dos tres premios que outorga o certame e que resultaron ser Iván Prieto, primeiro premio coa súa obra Silencio, Víctor Hugo Costas, que se fixo co segundo con Nos, da serie arqueoloxía vertical; e Lara Pintos, gañadora do terceiro premio con Neo existencial.
O concurso vén a demostrar que actualmente a mocidade galega ten tamén uns valores fortemente marcados, e o GZcrea "serve de punto de encontro para fomentar eses valores e levalos máis alá das nosas fronteiras", segundo afirma Rubén Cela.
Espazo para a mocidade creadora
A exposición encaixa perfectamente nos obxectivos que o Concello ten marcados para a Zona C. Segundo o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, esta sala naceu para "estar ao servizo dos novos creadores composteláns, e para dar cabida á enorme capacidade creadora da nosa mocidade". Rego comentou ademais que a sala "está a converterse nunha magnífica forma de contribuír á creación da cultura de Galiza como país".
Dende a Concellaría de Cultura compostelá tamén se quixo remarcar que este espazo estará sempre ao dispor de todos aqueles mozos e mozas que teñan arelas creadoras, e que ten como obxectivo o de contribuír "a abrir posibilidades nas artes plásticas do noso país".