Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nova colección de Sotelo Blanco

Edoy Leliadoura, unha nova xanela para a poética galega

Sotelo Blanco retoma de novo a tarefa de publicar poesía con Edoy Leliadoura, unha colección que pretende achegar os novos poetas galegos á sociedade.

Redacción - 09:00 12/11/2007

Recollendo a herdanza de Leliadoura, a editorial Sotelo Blanco vén de sacar á luz unha nova colección de poesía galega. Daniel Salgado, Modesto Fraga, Rafa Villar, Marica Campo, Pilar Beiro e Antón Dobao son os protagonistas de Edoy Leliadoura, que editará entre seis e oito volumes anuais.

A colección "aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual" ao tempo que "non renuncia a pór en galego importantes voces da poesía universal".

Conta ademais co deseño de Andrés Meixide e pretende continuar coa labor da pioneira Leliadoura. Con máis de trinta títulos, esta colección inicial contribuíu a potenciar a valía dos que hoxe son os grandes poetas actuais da nosa lingua. Membros da xeración dos 80 como Cesáreo Sánchez, Pilar Pallarés, Rodríguez Fer, Lino Braxe, Ramiro Fonte ou Manuel Rivas, chegaron á sociedade gracias ó labor realizado por Sotelo Blanco.

Cubrir o baleiro
"Esta colección é unha marabilla para o sistema literario galego" segundo afirma o escritor Modesto Fraga. O autor de Derrota con raíces valora moito o labor realizado pola editorial xa que "a día de hoxe, agás Espiral Maior, apenas existen empresas que aposten por publicar poesía, e o feito de que sexa Sotelo Blanco quen decida dar este paso tamén é motivo de satisfacción, porque xa nos 80 apostou pola calidade das letras galegas chegando a converterse nun referente para a cultura do noso país".

Esta primeira proposta de Edoy Leliadoura está composta por títulos como Sextinario, trinta e seis + tres, de Marica Campo, Bingo, de Pilar Beiro, Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado, Memoria de Ahab, de Rafa Villar, Derrotas con raíces, de Modesto Fraga, Onde o ollar comeza a doer, de X.Antón L.Dobao e Bingo de Marica Campo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: