A iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial co apoio de Mancomun.org pretende fomentar as novas tecnoloxías nas pequenas e medianas firmas.
Este mércores presentouse en Compostela un DVD con ferramentas informáticas de Software Libre, en galego e de balde, dirixidas a cubrir as necesidades informáticas das pequenas e medianas empresas. Con estes contidos, calquera firma do país dispoñerá de aplicacións para xestionar a súa contabilidade, os seus recursos, ou para a comunicación interna e externa.
A iniciativa parte da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, co obxectivo de integrar as pemes nun modelo empresarial baseado no coñecemento das tecnoloxiás da información e da comunicación. A tradución dos programas foi coordinada por Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre.
Na xornada de presentación participaron, ademais da directora xeral, Helena Veiguela, representantes da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e da Escola Técnica Superior de Informática de Ourense. O DVD distribuirase entre pequenas e medianas empresas, patronais, cámaras de comercio e organismos intermedios para dar a coñecer as vantaxes do software libre no eido empresarial.