Malia que hai meses recoñecera eivas no proxecto, o presidente do PPdeG centrouse este mércores na defensa do proxecto desde o seu inicio. De paso, aproveitou para queixarse de que non se autorizase unha comisión similar sobre a autovía do Barbanza.
"Non formei parte do Padroado nin as obras pasaban pola vicepresidencia primeira da Xunta", recordou Alberte Núñez Feijoo entre as conclusións da súa intervención esta cuarta feira na comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura. Recordaba así o actual líder do PPdeG, aínda sen mencionalo directamente, que a área de Cultura do daquela conselleiro Xesús Pérez Varela correspondíalle á coordinación do outro vicepresidente, Xosé Manuel Barreiro.
Malia ese asomo da vontade de poñer distancias, "se estivera aquí en calidade de ex vicepresidente a miña comparecencia duraría cinco minutos", Núñez Feijoo pechou filas coa xestión dos gobernos de Manuel Fraga e insistiu na súa confianza no éxito final do Gaiás. "Solidarízome co inicio e a execución do proxecto", subliñou, insistindo en que o informe do Consello de Contas "non incluíu en ningún momento as palabras irregular ou ilegal". Así, e malia que salientou que o PPdeG "foi o primeiro partido en solicitar a comisión" dubidou sobre a súa utilidade, afirmando que "é a primeira vez que unha comisión parlamentaria investiga o que xa estaba investigado".
Proposta de "consenso"