Actuación do grupo galego de power-pop "The Homens" no marco da Festa Major da UAB, onde presentarán o seu novo disco "Tres".
Armados de guitarras ruidosas mais tamén de sensibilidade melódica, a banda formada por Xocas (batería), Roi (baixo e voz) e Martin Wu (guitarra e voz) traerán a Barcelona un dos directos máis potentes do panorama musical galego para presentar TRES, o seu novo e agardado traballo.
Gravado nos Estudios Ultramarinos Costa Brava, en Sant Feliu de Guíxols, por Santi García e Víctor García, o álbum editado por Falcatruada en vinilo, CD de audio e mp3, saíu ao mercado o pasado 15 de outubro e pódese descargar baixo licenza Creative Commons da páxina web do grupo The Homens.
Do extremismo melódico ao ruído espeso, do punk desatado aos arranxos delicados, o disco contén once novas liscas de pop enerxético, guitarras ruxidoras e retrousos cantables que se suman a temas xa míticos do pop galego como "Sandra Dee" ou "Non podo máis". Cargados de versos ácedos e coros pegadizos, The Homens son power pop en estado puro: melodías, actitude e ganas de festa.
O concerto, organizado polo Lectorado de Galego da UAB, inscríbese na celebración da Festa Major da Universitat Autònoma de Barcelona.
Concerto de The Homens
Festa Major da Universitat Autònoma de Barcelona
Xoves 8 de novembro de 2007 ás 14:30
Plaça Cívica
Campus UAB, Bellaterra
(Cerdanyola del Vallès)
Organizan: Lectorado de Galego da UAB, Cultura en Viu
Colaboran: Secretaría Xeral de Política Lingüística, Xunta de Galicia || Rede.cat