Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito diplomático

Marrocos rexeita a visita dos reis españois a Ceuta e Melilla

Os monarcas ían visitar as cidades a vindeira semana, pero o goberno marroquí rexeitou os plans de viaxe e chamou ao seu embaixador en Madrid por un "período indeterminado".

Redacción / axencias - 18:41 02/11/2007
Mapa de Marrocos (en francés), coas cidades de Ceuta e Melilla sinaladas cun ESP entre parénteses

Mapa de Marrocos (en francés), coas cidades de Ceuta e Melilla sinaladas cun ESP entre parénteses

Segundo informaba a axencia marroquí MAP, o ministro de Comunicación e voceiro do goberno alauí, Jalid Naciri, dixo que o seu executivo vía "lamentábel" esta iniciativa, sexan as que sexan as motivacións dos reis para visitar as "cidades marroquís espoliadas" de Ceuta e Melilla.

O goberno marroquí reuniuse esta sexta feira, a raíz das informacións aparecidas nos xornais españois sobre a primeira viaxe oficial dos monarcas a estas cidades do norte de África, e finalmente resolveu, por instrucción do rei Mohamed VI, chamar ao seu embaixador en Madrid, Omar Azziman, por un "período indeterminado".

"Mensaxe clara, e non codificada"
Xa na quinta feira o voceiro do goberno marroquí, Jalid Naciri, tiña advertido de que existen "liñas vermellas relativas á integridade territorial de Marrocos que non deben ser traspasadas" e que "os amigos españois deben comprendelo". Por isto, dixo agardar que a visita "non teña consecuencias negativas nas súas relacións bilaterais".

Neste sentido Naciri dixo querer transmitir unha mensaxe "clara e non codificada" na que lembraba que as "relacións entre os dous reinos son fundamentais e que traballa para consolidalas e promovelas aínda máis", mais a amizade non lle fai esquecer, segundo dixo, "que existe un desacordo de fondo sobre Ceuta e Melilla".

Sería a primeira visita dos reis ás dúas cidades
Zapatero visitou tamén ámbalas dúas cidades a finais de xaneiro deste ano (na que foi a primeira viaxe do goberno español dende a etapa de Adolfo Suárez), e naquela altura o goberno marroquí xa cualificara de "inaxeitada" a viaxe xa que "non encaixaba na perspectiva" das relacións que Marrocos quería ter co Estado Español.

Esta sería a primeira visita dos reis españois ás dúas cidades, que dunha banda do estreito son "cidades autónomas" e da outra "territorio ocupado".

Segundo contaban as axencias, a prensa marroquí non segue o asunto. O xornal Al Alam (que é propiedade do partido Istiqlal, ao que pertence o primeiro ministro Abbas El Farsi), non menciona o asunto, e tampouco outros xornais como Al Sabah e Al Ahdat Al Maghribia. Pola contra o xornal máis vendido en Marrocos, Al Masaa, titula "O rei de rompe a tradición e asenta a ocupación de Ceuta e Melilla".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: