Uns dous mil centros educativos proxectarán filmes en galego (un para os alumnos e primaria e outro para os de secundaria) para formalos no emprego da nosa lingua.
Todos estes centros recibirán estes dous filmes: un é Pérez, o ratiño dos teus soños, de Filmax e Goya á mellor película de animación en 2006 (que será proxectado nas aulas de Primaria), e o outro é Para que non te esquezas de min, dirixido e guionizado por Patricia Ferreira, (para os alumnos de Secundaria).
Ámbolos dous foron rodados (o primeiro, dobrado) en castelán, mais agora Política Lingüística, a Secretaría Xeral artífice deste programa, distribúe a súa versión en galego.
Esta iniciativa presentouse na terza feira pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen argumentou que este proxecto vai servir para "difundir a cultura da paz, da convivencia e a democracia" e crear así unha cidadanía "crítica e libre".
Filmes para normalizar o emprego do galego
Marisol López enmarcou este proxecto no plan de normalización, no que se fala da distribución de material cinematográfico no ensino, ao tempo que responde ao obxectivo da "normalización do galego no ensino".
Tamén estaban presentes na presentación o director do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, e dous representantes de ámbolos dous filmes, alén do presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios.
Ignacio Varela falou da "necesidade" da materia de Educación para a Cidadanía, e falou desta como unha "boa iniciativa" que "consolidará" o coñecemento dos máis novos da lingua e dende o emprego de produtos audiovisuais, que "alfabetizarán nun campo esquecido" aos alumnos.
"O mellor antídoto contra a violencia escolar"
Os filmes van con cadansúa unidade didáctica, que mesmo chegou a sorprender aos propios creadores. Patricia Ferreira dixo ter ficado sorprendida cando leu a unidade didáctica do seu filme xa que "non sabía que tiña tratado tantos temas".
Tamén Manuel Dios falou na presentación, cualificando esta iniciativa como o " mellor antídoto contra a violencia escolar", ao empregar "diálogo e a reflexión" para a resolución dos conflitos da vida.