O molusco foi atopado na costa islandesa e pode ter sido o animal que máis tempo viviu até hoxe coñecido. Os científicos estiman entre os 405 e os 410 os seus anos de idade.
Segundo publica o xornal portugués Público esta segunda feira, o molusco islandés (ao que chamaron Ming, porque viviu a súa infancia nesta dinastía chinesa), foi recollido, para investigar con el aspectos da lonxevidade dos seres vivos. Foron os investigadores da Universidade de Bangor, en Gales, os que calcularon a súa idade aproximada, contando os aneis da súa cuncha.
O animal que máis tempo viviu
Tal e como aparece no libro Guiness, o animal que máis tempo viviu era tamén un molusco, que atoparon en 1982 e que naquela altura andaba polos 220 anos. Nun museo islandés tamén hai exposto un outro molusco, mais a súa idade foi estimada en 374 anos.
Un membro da Escola de Ciencias do Océano da Universidade de Bangor, en declaracións á BBC asegurou que o animal "amosa como varía o crecemento en cada especie, de ano para ano, e estabeleceu unha nova marca. Isto posibilítalles aos científicos entender tamén a influencia do clima, da temperatura da auga e da cadea de alimentación en todo o proceso", xa que os moluscos son como micro-gravadoras, que estando no mar integran sinais sobre a temperatura da auga e os alimentos, en cada momento.
Os secretos do molusco para fuxirlle á idade
Os científicos da Universidade de Bangor garantiron que esta descuberta pode ser de importancia para percibir como poden algúns animais vivir tanto tempo e "fuxir á vellez". Os investigadores cren que a principal diferenza pode estar na renovación das células.