Esta terza feira 30 de outubro termina o prazo para a proposta de deportistas que poderían ser galardoados cos Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/2007.
As propostas cos candidatos poden presentarse até esta terza feira, 30 de outubro, nos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia.
As Federacións Deportivas, clubs, asociacións deportivas, entidades locais ou calquera outro organismo público ou privado vencellado ao mundo do deporte dispoñen de prazo até ese día para facer chegar as súas propostas.
Como xa anunciara a Dirección Xeral para o Deporte, nesta edición, valorarase o traballo desenvolvido durante a tempada 2006/2007, por vez primeira, xa que até o momento tivérase en conta o ano natural. Deste xeito, quérese chegar a unha maior adaptación co tempo real co que traballa a xente do deporte.
As categorías que se premiarán, nun acto público que terá lugar a finais de novembro, son as seguintes, que se atopan recollidas na orde publicada no DOG do 5 de outubro, (que contén tamén o formulario para presentar as propostas):
1. Premio ao/á mellor deportista.
2. Premio ao/á mellor deportista discapacitado.
3. Premio ao mellor equipo.
4. Premio ao/á mellor xuíz/a - árbitro/a.
5. Premio ao/a mellor adestrador/a.
6. Premio ao mellor labor informativo.
7. Premio á mellor iniciativa en deporte escolar.
8. Premio á mellor iniciativa deportiva en deporte base.
9. Premio á mellor iniciativa en deporte tradicional.
10. Premio á revelación.
11. Premio á traxectoria no deporte.