Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Gael González, responsábel dos CAF

"Pretenden que o estudantado sufrague parte do custo do sistema educativo"

A organización estudantil ten convocada unha folga xeral nas tres universidades do país contra a suba das taxas. Polo de agora xa conseguiron unhas 7 mil sinaturas de apoio.

Redacción - 13:00 29/10/2007
Falamos con Gael González, responsábel nacional dos CAF

Falamos con Gael González, responsábel nacional dos CAF

As mobilizacións comezaron este mes en varias comunidades do Estado. As primeiras foron en Castela-León, despois en Canarias e Barcelona, e este mércores 31 de outubro os Comités Abertos de Facultade (CAF) organizan unha folga nas tres universidades galegas, con concentracións en varios campus e actos programados en todos eles.

Baixo o lema "Paremos a suba das taxas", os membros dos CAF agradan ter o máximo seguimento por parte do sector estudantil galego, xa que están protestar por cousas que a todos lles afectan.

Este ano as taxas públicas da universidade subiron dous puntos por riba do IPC, e xa é o sexto ano consecutivo que aumentan. Tamén se acrecentou o prezo da segunda, terceira e cuarta matrícula (un 15, un 35 e un 50% respectivamente), de tal xeito que se se suspende unha materia, a matrícula seguinte sae máis cara. As explicacións que a Consellaría e o Ministerio de Educación fan da suba das taxas pasa por escusarse na necesidade de que mellorar os expedientes do estudantado, mais para os CAF hai detrás unha razón encuberta: buscar novos xeitos de financiamento para o sistema educativo universitario, e andar un chanzo máis nas arelas privatizadoras estatais e europeas do Proceso Boloña.

En Vieiros falamos de todo isto con Gael González, responsábel nacional de Organización dos CAF-CAE.

Vieiros: É a primeira vez que os estudantes teñen que pagar pola segunda, terceira e mesmo cuarta matrícula, que pensa que hai detrás de todo isto?

Gael González: Nós entendemos que a escusa que poñen para subir as taxas é falsa. Están a argumentar que as taxas soben porque así asegúrase que o estudantado aprobe máis, pero non escapa do entendemento de todo o mundo que calquera pode suspender unha materia, sobre todo en carreiras técnicas, e que se chegue a facer unha cuarta matrícula non é nada estraño. Pásalle a xente cos mellores expedientes.

Todo isto está enmarcado nunha política estratéxica do Estado Español e da Unión Europea, guiada por Boloña, e que consiste en que o estudantado sufrague parte do custo económico do sistema educativo. Hai un claro afán recadatorio, que non se serve de ningún criterio, como ter en conta o nivel de renda dos estudantes no momento de lles cobrar o acceso a un servizo público.

Resulta incríbel que sexa agora o PSOE quen aplica esta normativa, cando non apoiou o plan das universidades galegas -onde, ademais, subiron as taxas por riba do acordado- e cando criticou as mesmas medidas, cando foron adoptadas polos goberno do PP.

Daquela, na súa opinión, o que se pretende é desenvolver un plano de financiamento encuberto das universidades. Cre que tamén se está convertendo a educación pública galega nun servizo excluínte?

Dende logo, esa é a pretensión, en Galiza, no Estado e en Europa. O que están facendo é que non todo o mundo teña acceso á universidade e tampouco ao mercado laboral. Non lles convén ter poboación especializada, e por iso un dos programas con taxas máis altas son certos posgraos de especialización, aos que non todo o mundo pode acceder.

Neste sentido, dende os CAF critican que se lles está pedindo máis por menos, e entre algúns dos servizos dos que se ven privados destaca, por exemplo, o feche de varias prazas no Sistema Universitario de Residencias da USC...
Pero non só podemos falar so SUR na USC, (no que por certo pecharon 350 prazas sen ningún tipo de explicación e sen tremerlles as mans), senón tamén das empresas mixtas que creou esta universidade (as UNIS), ou a entrada pola porta grande das empresas na universidade, como se pode apreciar na cesión da xestión dos comedores universitarios a empresas, e nalgunhas aulas de informática, que controla o Banco Santander Central Hispano, por exemplo.

Todo isto está directamente relacionado co Proceso Boloña, que, por certo non articula nin unha soa medida para mellorar a calidade da docencia. Hai medidas mínimas para asegurar a calidade investigadora, pero non a docente, e hai carreiras onde hai materias que son case imposíbeis de sacar adiante, como por exemplo Dereito Romano en Compostela, Historia do Dereito e Sistema Fiscal Español na Coruña, ou calquera das titulacións técnicas da Universidade de Vigo (Peritos, Minas, Industriais...). O ratio profesor-alumno é baixísimo, e isto debera mellorarse.

Pensan ter o apoio de gran parte do estudantado para a folga do día 31?
A acollida da nosa campaña entre o estudantado galego foi boa. Vimos de recoller sinaturas nas tres universidades, e debemos andar polas 7 mil. Fomos capaces de levar a campaña a todos os campus do país e o día 31 vai haber actos en todos.

Ademais, solicitamos unha reunión coa conselleira de Educación e outra con Vicepresidencia, para explicarlles a postura do estudantado, contraria á suba das taxas (deixando claro que se enmarcan nunha política estratéxica, porque xa levan varios anos seguidos a subilas).

A Vicepresidencia ímoslle solicitar os traspaso de competencias a Galiza en canto á administración das bolsas. Creemos que é fundamental que sexan subministradas pola Xunta, xa que, por unha banda é o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) o que concede as bolsas, que son as únicas que te eximen de pagar as taxas, que, por outra banda, concerta a Xunta. Se é a Xunta a que concerta os prezos públicos, tamén debera ser a que decide quen ten que pagalos.

E o apoio doutras agrupacións e asembleas de estudantes?

O Sindicato de Estudantes apoiou a convocatoria de folga, e logo, ademais da Asemblea de Estudantes da USC (que non tivo moita incidencia no campus compostelán dende que comezou o curso), non hai moito máis. As organizacións vinculadas ao PSOE está claro que non nos van apoiar, mais hai organizacións de estudantes dalgún centro que tamén mostraron o seu apoio.

Na Coruña imos ver esta semana se conseguimos que a universidade se declare contraria á suba das taxas. Imos levar un escrito ao claustro e alí estarán todos os representantes claustrais, que son 75, polo que pode que se aprobe o escrito. Nas Universidades de Vigo e Santiago probabelmente sexa rexeitada esta proposta.


Ligazóns

3,91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: