Un membro do colectivo vén de viaxe por Galiza, e dará unha serie de charlas sobre a casa ocupada madrileña.
Cartaz da palestra no CS A Revolta, de Vigo
Elas definen a Eskalera Karakola como "un centro que alberga diversos proxectos, todos impulsados por un desexo político de compartir espazos e vidas, de pensar mellor, de desafiar e reinventar o mundo dende unha ollada feminista".
Agora, un membro do colectivo, Silvia López, vén de viaxe por Galiza, onde dá unha serie de conferencias en que comparte a súa experiencia no centro social feminista madrileño. A primeira dela foi a pasada quinta feira no CS A Revolta, de Vigo; e a sexta no CS Atreu, na Coruña.
Se non tiveches tempo a ir á conferencia desta volta, podes achegarte o sábado a Mugardos, ás IX Xornadas de Igualdade de Oportunidades que organiza o Concello, onde vai haber unha mesa redonda (que Silvia López compartirá coa Marcha Mundial das Mulleres, a Federación Galega de Mulleres Rurais e Mulleres Separadas e Divorciadas de Lugo), a partir das 16:15 horas.
A Eskalera Karakola
A experiencia deste centro social, paradigmático e único no Estado Español, pola perspectiva de xénero na okupación e na intervención social, xa ten uns once anos, e foi mudando co tempo o seu devir.
A asociación foi constituída por un grupo de mulleres coa idea de crear un espazo colectivo para experimentar novas formas de relación, a través do desenvolvemento de distintas actividades culturais, artísticas e de xestión da propia casa ocupada (situada na Rúa Embajadores, 52, no barrio da Lavapiés, en Madrid), e dos seus usos. Nestes anos, a pesar da súa evolución, o centro traballou na promoción da participación cidadá das mulleres a través da autoorganización, tamén dentro do movemento veciñal, nos movementos sociais da cidade, da comunidade e de aí ao estranxeiro.
Son moitos anos de actividades e de creación de xeitos de mudar o mundo que ben merece a pena coñecer.