O informe "Diagnose das Artes Escénicas de Galiza" determina a situación actual das empresas de espectáculos de teatro, danza e maxia do noso país.
Un total de 112 compañías profesionais conforman o programa do panorama de espectáculos culturais existentes en Galiza. Segundo este informe, realizado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), 81 delas dedícanse ao xénero teatral de actor, outras 11 a títeres, 9 a danza e 22 máis á maxia.
A análise do sector, determina que a maioría destas compañías están rexistradas xuridicamente coma sociedade limitada, teñen unha media de menos de cinco asalariados e facturan menos de 100.000 euros ao ano. Na maioría dos casos, son colectivos formados por un director, que se rodea de actores e actrices. Serían eles mesmos os que se encargarían das labores de creación artística, produción e distribución.
O traballo tamén abordou o espiñoso tema da distribución de espectáculos, un dos puntos febles do teatro galego. Neste senso, saíron á luz necesidades como a de planificar mellor os espectáculos, axustar os custes de produción e a previsión de vendas, ou evitar o exceso de oferta.
Feira Galega das Artes Escénicas
Aproveitando a celebración da Feira Galega de Artes Escénicas, que se desenvolve en Compostela até o vindeiro día 27, o IGAEM e a Consellaría de Cultura e Deporte presentaron este informe, realizado pola consultora Proxectos. O documento completo, no que se achegan datos sobre os espazos culturais existentes, o tecido produtivo e laboral ou a demanda, entre outros aspectos, será publicado en novembro.