Como valoras todo o acontecido estes días en Vilarchán?
Os feitos de Vilarchán, desde o noso punto de vista, son graves por tres motivos: porque reflicten a presenza de actitudes de discriminación entre a poboación galega, porque manifestan esa actitude coas persoas máis vulnerables e os colectivos máis excluídos da sociedade e porque dificulta o traballo que se está a realizar para a erradicación do chabolismo e da marxinalidade no barrio do Vao, en Poio.
Os veciños, e mesmo o alcalde de Ponte Caldelas, din que non se trata dun acto racista, senón do medo lóxico que esperta a droga entre a poboación
Todo o mundo sabe, no contorno de Pontevedra, que O Vao é un lugar onde se vende droga, que é un centro de aprovisionamento de consumidores de heroína. O medo pode ser unha primeira reacción lóxica, unha vez que se asocia a esta familia cun contorno de delincuencia. Non obstante, ninguén abandona un lugar ben accesible para os toxicómanos para instalarse nun lugar rural, non sendo que non teña nada que ver coas drogas ou que queira deixar esa vida atrás. Ademais, os delictos cometidos pola poboación xitana marxinal reciben un castigo en penas de prisión dunha forma máis habitual do que a delincuencia da maioría da poboación. Daquela, unha mínima reflexión sobre a decisión de compra desta familia pon de relevo que non se trata de reproducir a conflitividade do Vao en ningures, como se está a dicir, senón de buscar unha vida distina, nun contorno diferente.
Tamén se critica a cantidade que a familia está disposta a pagar.
A familia fixo unhas contas que de certo non son realistas. Non teñen medios para afrontar unha compra así. Só que están a esperar que a Consellería de Vivenda afronte a maior parte do gasto, descoñecendo os procedementos existentes para as axudas á erradicación do chabolismo. Simplemente, viron unha oportunidade e quixeron aproveitala. Debemos pensar, o que significa vivir nun ambiente onde todo é precario: a luz, a auga, o saneamento; e logo, os ingresos irregulares, dependentes doutras persoas igualmente marxinadas, como son os heroinómanos, ou da recollida de chatarra, ou dos restos da venda ambulante, en condicións de desvantaxe con outros vendedores mellor posicionados nos mercados, con mellor xénero e máis habilidades de venda. A compra da casa non era tanto unha decisión racional, como unha aposta firme por un soño dunha vida digna.
Cal é o traballo que está a realizar a vosa Fundación en Poio?
A FSX asinou un acordo de colaboración co Concello durante o pasado 2006. Ese acordo tiña o apoio da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e o recoñecemento da Consellería de Vivenda. A idea era procurar vivendas para as familias do Vao no mercado de alugueiro, na Bolsa de Alugueiro, en Vivendas de Promoción Pública ou en compra de vivenda libre. Coas familias fíxose o traballo de convencelas de que o seu tempo no Vao xa rematara, e non só pola decisión xudicial de derrubar once das trinta e sete chabolas; e, ademais, de que debían cambiar o seu horizonte vital, mellorar as súas habilidades e a súa posición no mercado de traballo, para poder ser xitanos do século XXI, no medio dunha sociedade plural, pero tamén competitiva e receosa da comunidade xitana.
Os resultados coas persoas xitanas son alentadores, pero no acceso á vivenda son escasos, co trazos esperanzadores. Houbo moitos rexeitamentos e moita discriminación durante este tempo. Pero tamén hai dúas familias vivindo en vivendas de alugueiro, en pisos. A súa situación, a pesar da precariedade económica e social, é de convivencia normal cos veciños do seu contorno. O traballo da nosa compañeira Nati e o apoio dos servizos sociais permitiron encamiñar a situación e darlle estabilidade. Queda moito por andar, pero coa vontade das familias, o apoio das institucións e a tolerancia do conxunto da sociedade, podemos logralo.