O tempo de ocio, o prezo do produto cultural ou a influencia de amigos ou familiares son as motivacións principais das mileuristas galegas á hora de asistir ao teatro.
As mulleres galegas de entre 25 e 35 anos con ingresos inferiores a mil euros, tamén chamadas as galegas da xeración mileurista, foron o obxectivo dun estudo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), para coñecer os hábitos culturais galegos e definir o público potencial do teatro do país. Os datos deste estudo, realizado pola empresa Cidadanía, foron publicados no marco da Feira Galega das Artes Escénicas, que se está a desenvolver estes días en Compostela.
Os resultados revelan os factores máis importantes para as mileuristas galegas á hora de decidir a súa asistencia a un acto cultural, entre os que se atopan o tempo de ocio e a accesibilidade física das entrevistadas, a influencia dun grupo de amigos ou o grao de entretemento que supón para cada persoa.
Ademais destas razóns, o prezo do produto convértese nunha motivación fundamental. As mileuristas galegas sitúan a barreira sicolóxica para decidir a compra da entrada en 20 euros. Os ingresos económicos inflúen de xeito moi fondo no consumo de servizos culturais. Así, a televisión, radio e música en formato dixital é consumida de forma diaria; a lectura de libros faise cunha frecuencia entre diaria e semanal e as películas en soporte dixital adoitan verse cando menos unha vez por semana. Sen embargo, a asistencia a espectáculos de música, teatro, danza ou música clásica é moito máis reducida.
Teatro: necesidade de crear marca
Segundo as enquisas e debates realizados, o baixo consumo teatral deste grupo social débese en parte ao descoñecemento das institucións culturais e das actividades incluídas nas súas programacións. O informe do IGAEM indica ademais a necesidade de crear unha identidade de marca do teatro galego, e inserir material publicitario nos medios de comunicación masivos.
Despois dos factores económicos e promocionais, os gustos subxectivos son o terceiro factor que conforma o perfil sociocultural das mileuristas galegas. As participantes no estudo valoran o grao de empatía e proximidade da obra teatral, e dan especial valía ao seu carácter reflexivo, en contraposición ás producións televisivas e de cine habituais, máis a falta de tempo e a necesidade de entretemento básico, lévanas ao consumo dun ocio con menor grao de reflexividade interno.
Educar na cultura
Ante esta situación, as colaboradoras do estudo ven necesario o incremento na formación de tódolos galegos á hora de afrontar os diferentes eidos do mundo da cultura, e en particular o fomento dos teatros universitario e amador e a orientación cara o público infantil co fin de estender o consumo á unidade familiar.