A Womex de Sevilla reúne as empresas e profesionais da música tradicional, étnica e de raíz máis importantes do mundo.
Logotipo da Womex
Por primeira vez, Galiza estará presente institucionalmente cun stand de seu. Unha ducia de empresas integran a delegación, encabezada polo IGAEM: A Fábrica de Chocolate, Abada, Berrogüetto Producións, Falcatruada, Lonxa Cultural, Nordesía, Ouvirmos, Deica Management, Iabadabadú Festicultores, Nalgures, Promociones sin Fronteras e Zouma Records.
A delegación galega na Feira conta tamén coa presenza do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, quen manterá unha reunión de traballo este venres coas empresas participantes. Diverso material impreso, audiovisual e musical, ademais dun web específico, son os recursos para espallar a nosa música nesta ocasión.
Co lema The spirit of Finisterrae, creouse un libro con información sobre Galiza e a súa música e un cedé con cancións seleccionadas por Agaphono e AGAEM. E non ha faltar unha boa mostra en directo: Marful actuará este venres para presentar o seu innovador proxecto musical.
Dende Galiza para o mundo
É a marca Galiciantunes, unha entidade creada expresamente para a proxección exterior da música galega, xa consolidada grazas ao esforzo da Consellaría de Cultura, a través do IGAEM, o noso selo identitario na feira.
A presenza en Womex é especialmente importante para a nosa produción musical, por encaixar coa denominación de músicas do mundo. Womex é o maior evento profesional e comercial neste tipo de música. O ano pasado asistiron 1.400 empresas de máis de 80 países.É xa a terceira feira á que acode este ano o sector musical galego ao abeiro do IGAEM. logo da Midem en Cannes (Francia) e a Popkomm en Berlín, a Consellaría continúa na súa liña de difusión da música galega no mundo.