Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Nun escrito remitido ao BNG

A CRTVG recoñece a mala "calidade lingüística" dos seus profesionais

En resposta a unha pregunta do BNG no Parlamento, o ente público galego asegura estar adoptando medidas ao respecto. Os nacionalistas apostan por unha nova Lei da compañía que normalizace o uso do galego.

Redacción - 13:50 23/10/2007

O BNG avoga, ante a perspectiva da reforma, que a nova Lei de Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) recolla un instrumento ao servizo da normalización do galego co obxectivo de paliar a "mala calidade lingüística" dos profesionais que traballan no ente público.

O coordinador do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, fixo esta proposta á vista da resposta remitida pola dirección da CRTVG a unha pregunta do deputado, na que se puña en dúbida a calidade e a capacitación lingüística dalgúns presentadores do medio público.

A resposta da compañía: "a capacitación lingüística ten que mellorar na CRTVG"
No seu texto, a dirección da CRTVG recoñece que o panorama ao respecto da calidade da lingua entre os profesionais é "manifestamente mellorábel", -"a calidade e maila capacitación lingüística, en xeral, teñen que mellorar nos medios de comunicación públicos galegos para cualificala de óptima"-, e lembra que se trata dun problema "herdado" do pasado, debido, sobre todo, aos procesos de selección de persoal "non axeitados" e á "excesiva temporalidade" dos traballadores, que os novos directivos ían contratando por medio de empresas de traballo temporal (ETT's), sen pasaren as probas lingüísticas de acceso.

A todos estas eivas, din dende a CRTVG no seu escrito, estanlles facendo fronte mediante a adopción de medidas diversas, como a de "ser máis rigorosos á hora de levar adiante as próximas ofertas de emprego, -a última é de 1992-" para conseguir que "o persoal da CRTVG acredite o seu pleno dominio oral e escrito da lingua naquelas categorías profesionais que así o precisen".

A dirección do ente público tamén salienta a posta en marcha dun Servizo de Normalización, incluído no organigrama da Compañía, para poder unificar criterios e optimizar o traballo dos xornalistas, xa que, segundo a propia compañía, "tal área de responsabilidade non existía na estrutura directiva da CRTVG, de xeito que os lingüistas que traballaban na CRTVG e as súas sociedades dependentes levaban a cabo o seu labor sen ningún tipo de dirección e coordinación", cousa que, segundo din, mudou en outubro de 2005 coa chegada da nova directiva e o nomeamento dun responsable nesta área de traballo.

Tamén comentan que están a mudar a precariedade laboral dos lingüistas e que agora están a traballar na elaboración dun novo manual de estilo, a posta en marcha na súa web dunha páxina de recursos lingüísticos e a elaboración dunha base de datos léxica, un nomenclátor. Tamén comentan que arestora, após os programas de deportes e informativos da TV, dos programas da radio e das conexións en directo dos dous medios estanse a facer correccións do código lingüístico dos xonalistas.

Regular a calidade lingüística cunha nova lei
Para Lobeira o recoñecemento dos problemas lingüísticos por parte da CRTVG e o proxecto de creación dun instrumento de normalización é un paso importante, mais considera que este tipo de actuacións e outra serie de compromisos concretos a prol da calidade do idioma e da súa normalización deben estar regulados dalgún xeito ou incorporarse na nova Lei.

O deputado anunciou que o BNG vai traballar nesta perspectiva e vai facer un seguimento dos traballos que xa se están a realizar para mudar esa situación de "mala capacitación lingüística en xeral" dos medios de comunicación públicos galegos, tal e como recolle a resposta do ente público.


4,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: