Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÉBEDA HISTÓRICA

Quintana e Caldera asinan un investimento de 9,2 millóns en servizos sociais

É a primeira partida dos 60 millóns comprometidos até 2009. Vicepresidencia vai pór en marcha máis de 30 centros de día.

Redacción - 17:14 22/10/2007
Os cartos destinaranse a gastos sociais, así como a cumprir coa Lei de Dependencia / Flickr: sayela

Os cartos destinaranse a gastos sociais, así como a cumprir coa Lei de Dependencia / Flickr: sayela

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, asinaron na mañá da segunda feira o convenio para facer efectiva a primeira partida dos 60 millóns de euros comprometidos para saldar a débeda histórica con Galiza en materia de servizos sociais.

Neste convenio faise efectivo un investimento de 9,2 millóns de euros -dos que o Ministerio de Traballo vai aportar 3 millóns e medio, e a Xunta de Galicia, algo máis de 5 millóns e medio-, que se destinarán ao desenvolvemento de infraestruturas e servizos sociais en Galiza durante este ano 2007. Mais tamén están contemplados uns case 52 millóns de euros para os exercicios de 2008 e 2009, dos que a Xunta pon 12,2 millóns e o goberno español, 39.

Deste xeito, o investimento final nos servizos sociais galegos a finais de 2009 será de 60 millóns, entre os cartos postos polo Goberno Galego e o español. Estes cartos están á marxe dos xa comprometidos, que lle corresponden a Galiza do reparto territorial dos fondos de Dependencia.

O primeiro recoñecemento da débeda histórica con Galiza


Quintana destacou, após a xuntanza, que se trata do primeiro acto político no que o Estado recoñece unha débeda con Galiza, ademais de comezar a pagala: "é un acto moi importante para Galiza, xa que é o primeiro paso para (...) enxugar as deficiencias que este país ten en materia de equipamentos e infraestruturas en servizos sociais", manifestou o vicepresidente tras a sinatura.

"Hai motivos para a satisfacción", engadiu, ao sinalar ademais que co asinado hoxe vanse pór en marcha máis de 30 centros de día, que suporán ademais a creación de máis de mil novas prazas, "un paso moi importante na construción do Sistema Galego de Benestar"; "imos construír unha verdadeira rede pública de equipamentos", engadiu.

Galiza, en igualdade de condicións no Estado
O ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, ratificou que o ministerio que dirixe quere traballar conxuntamente co Goberno galego para situar a Galiza en igualdade de condicións co resto do territorio, dado que a situación de partida en Galiza era peor, segundo manifestou.

O ministro Caldera, nas declaracións posteriores á sinatura, coincidiu con Quintana en sinalar que "traballar pola cohesión social e universalización dos dereitos dos dependentes é o máis fermoso que pode facer un gobernante democrático".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: