Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CAIXAFORUM: EXPOSICIÓNS DE DEBUXO E ESCULTURAS

Mostras do sacro, do profano e mais do cotián

Da India a Portugal, do debuxo ás vacas sagradas, de París a Austria, fotografías e retratos. De todo iso falan as salas de CaixaForum este outono.

Lito Caramés - 22:00 21/10/2007

Este outono CaixaForum presenta unha ampla e diversificada oferta de exposicións temporais. Desde L'escultura en els temples indis. L'art de la devoció, pasando polas particulares visións de Portugal da fotógrafa austríaca Candida Höfer en Candida Höfer a Portugal, até Passió pel dibuix. De Poussin a Cézanne. Obres mestres de la Col·lecció Prat.

Outra volta, é o debuxo o protagonista dunha mostra de arte. Este xénero que moitas veces só se valora naquilo que ten de auxiliar da pintura, cando non se lle da a cualificación de “mero xogo manual”, xurde unha vez máis como a temática única da exposición Passió pel dibuix. De Poussin a Cézanne. Obres mestres de la Col·lecció Prat. Con anterioridade falouse de Dibuixos espanyols a la Hipanic Society of America e de Dibuixos de Santiago Rusiñol del MNAC, que se puideron disfrutar no MNAC.

Agora, CaixaForum exhibe cen deseños, dos máis de dous centos trinta que conforman a colección que ao longo dos anos fixo Louis-Antoine Prat, un home moi vinculado ao museo parisiense do Louvre.

A escolma feita por P. Rosenberg, comisario da exposición, preséntase en catro bloques de contido, segundo os anos e as tendencias artísticas dos autores, que van do barroco a finais do século XIX, pasando polo romanticismo e mais pola sobriedade neoclásica. Todos eles de artistas franceses, pois a colección que xuntou Prat ten esa limitación e esa unidade estilística e xeográfica.

A destacar, entre moitas firmas, os debuxos de literatos. Si. Alí pódese ver un fermoso debuxo de Charles Baudelaire e un inquietante (e romántico) traballo de Vitor Hugo.

A mostra é atractiva polo contido, polas técnicas que se poden distinguir, polas temáticas, polos tratamentos, segundo as tendencias estéticas dos autores e dos tempos. E tamén é interesante porque as firmas que se atopan abranguen boa parte das primeiras paletas e pinceis da pintura francesa: Watteau, Poussin, Millet, Seurat, Cézanne, Ingres, Daumier, Fragonard, Gericault, Delacroix, Degas, Doré, etc.

Algúns dos deseños teñen relación con outras obras do seu autor. O gran pintor neoclásico Jacques-Louis David está representado pola Morte de Artemisa (1782), un grupo de mulleres que volvemos atopar no seu coñecido óleo O Xuramento dos Horacios (1784). Aquelas tres mulleres que choran e desesperan e que tan ben resumen os roles que a sociedade patriarcal lles impuxo. Do puntillista Seurat exhíbese Limpabotas cun cliente (1884), onde se pode contemplar o interese do paciente lencista por manter as súas teimas estilísticas nun deseño que só ten cor negra, e escala de grises. Algo perecido ocorre coas Grandes Árbores (1890), de Cézanne. Os cilindros vexetais remiten ao proto-cubismo e mesmo aos brazos dos seus Xogadores de Cartas (1895).

Respecto da mostra L'escultura en els temples indis. L'art de la devoció, poucas son as posibilidades que se teñen de observar de preto e desde aquí manifestacións da arte relixiosa non europea. Aínda que só sexa por iso, e pola curiosidade de ver o politeísmo e mais os polimorfismos da mitoloxía dese continente que nós reducimos a tamaño de estado co pseudónimo de India, paga a pena percorrer as salas dedicadas a esta mostra e camiñar entre figuras humanas, de elefantes ou de vacas. A beleza e o erotismo van xunguidos.

Curiosa e espectacular é a instalación de grandes fotografías que a austríaca Candida Höfer positivou para Candida Höfer a Portugal. Espazos interiores de edificios ben coñecidos da xeografía lusa. Espazos sen xente. Espazos onde a luz xoga cos obxectivos e coa obxectividade de bibliotecas, pazos. Museos, teatros, etc. A fondura dalgunha delas é tan presente que se pode falar de fotos en tres dimensións.

EXPOSICIÓNS EN CAIXAFORUM

L'escultura en els temples indis. L'art de la devoció,
Até o 18-XI-2007

Candida Höfer a Portugal
Até o 6-I-2008

Passió pel dibuix. De Poussin a Cézanne. Obres mestres de la Col·lecció Prat
Até o 16-XII-2007

CaixaForum
Av. Marquès de Comillas, 6-8 (Barcelona)
Horario: de martes a domingos, de 10 a 20 h.
Entrada de balde


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Baudelaire. "Busto de moza" (1860)
Baudelaire. "Busto de moza" (1860)
Cezanne. "Grandes Árbores" (1890)
Cezanne. "Grandes Árbores" (1890)
Seurat. "Limpabotas cun cliente" (1884)
Seurat. "Limpabotas cun cliente" (1884)