O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, estivo esta semana en Euskadi xunto cos seus homólogos vasco e catalán, e onde os tres se pronunciaron en favor dun novo modelo de organización e funcionamento da Inspección de Traballo, cara ao que pediron a transferencia das súas competencias "segundo o marco estatutario e legal que rexe en cada caso".
Os responsábeis de Traballo coincidiron en avaliar "os custos humanos inasumíbeis, ademais dos custos económicos e sociais" do elevado número de accidentes laborais. Fronte á situación, instaron ao goberno español a avanzar nesta transferencia competencial e salientaron a necesidade dun diálogo social e da participación dos axentes sociais na busca de solucións compartidas. Segundo o departamento galego, Galiza, Cataluña e Euskadi acordaron estabelecer "unha colaboración de carácter permanente en materia laboral". Ademais, destacan que os tres conselleiros coincidiron en que o intercambio de experiencias "resulta moi produtivo para o desenvolvemento de políticas máis eficaces".
Esta mesma semana, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recoñecera a necesidade de que Galiza asuma a xestión da inspección de traballo e recordou que as reformas estatutarias de Cataluña, Andalucía ou Aragón xa fixaron especificamente ese requirimento. Touriño opinou que na negociación aberta no marco da comisión bilateral integrada polo Ministerio de Traballo e os gobernos autonómicos é posíbel avanzar cara á ese obxectivo.