Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un chisco por riba da media estatal

O Goberno asegura que os orzamentos impulsarán un crecemento do 3,5% en 2008

A Xunta ten 11.556 millóns de euros para gastar, un 7,3% máis ca este ano. Ademais, márcase o obxectivo da creación de 32 mil empregos.

Redacción / Axencias - 18:45 18/10/2007

Serán en total 756,7 millóns de euros máis ca o ano pasado os que xestione a Xunta. Desde o Goberno falan de "oito eixos fundamentais" para a xestión orzamentaria en 2008. I+D+i e formación, infraestruturas produtivas, transporte público, desenvolvemento sustentábel e cohesión territorial, desenvolvemento sustentábel e cohesión territorial, vivenda e fomento de emprego, benestar social e dependencia, e sanidade. Tamén subliñan que se fixa unha partida para facerlle fronte ao incremento das pensións mínimas non contributivas.

Na súa intervención despois da reunión do Consello da Xunta onde se aprobaron estas contas, Emilio Pérez Touriño destacou que un terzo do incremento orzamentario se destinará ao departamento de Sanidade, fundamentalmente a accións de potenciación no ámbito da atención primaria. Citou como exemplo a vacina ás rapazas contra o papiloma e o plan de atención bucodental para os cativos. O presidente da Xunta tamén subliñou o prognóstico estabelecido polo equipo do conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, segundo o cal economía galega vai medrar un 3,5% o ano que vén, por riba do 3,3% do previsto polo goberno español para o conxunto do Estado. Con todo, recordámoslles que o ministro Solbes rifou esta semana co ex ministro Rato, presidente saínte do FMI, que fixo público un agoiro de só un 2,7% de crecemento para o Estado español.

Estes orzamentos van permitir, segundo asegurou Pérez Touriño, que a economía galega creza un 3,5 por cento en 2008 e que se creen na Comunidade Autónoma un total de 32.400 empregos. Ao presentar estas previsións de crecemento, o presidente da Xunta lembrou que nos dous exercicios anteriores Galicia creceu por riba dos prognósticos previos.

Oito de cada dez pesos serán xestionados por consellarías socialistas
De xeito parecido ao ano anterior, en 2008 as áreas xestionadas polo PSdeG van dispor dun 81,15% do total dos recursos previstos, fronte ao 18,85% do BNG. Serán no primeiro caso un total de 7.741 millóns de euros e de 1.796 millóns no caso dos nacionalistas.

As partidas estabelecidas pola área económica do executivo fixan ademais 619 millóns de euros para a débeda pública, un 2,8% máis que en 2007; e 949 millóns de euros en transferencias aos gobernos locais, incremento do 7,3%. Tamén se indican as cotas para o Parlamento, 21,7 millóns de euros (+5,4%); Consello de Contas, 7,7 millóns (+5,4%); Consello da Cultura, 3,3 millóns (+5,8%); e Consello Consultivo, 2,4 millóns (+38%).

Vicepresidencia a que máis aumenta, Medio Rural a que menos
A área de Igualdade e Benestar é a máis privilexiada no incremento das contas, xa que poderá aumentar o seu orzamento en até un 21,6%, xestionando un total de 493,5 millóns de euros. No outro estremo aparece a Consellaría do Medio Rural, que aínda que poderá contar cun orzamento de 629,5 millóns de euros en 2008, gozará do menor incremento, apenas o 0,3%.

O departamento que conta co maior volume de recursos é a Consellaría de Sanidade, 3.440 millóns de euros, cun aumento do 7,4% para 2008. Tamén por riba da media do incremento global están as consellarías de Política Territorial (15,1% - 580,1 millóns); Traballo (14,3% - 377,6) e Innovación e Industria (7,4% - 369,2).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: