Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lenta aplicación da lei

Transparencia na administración? Unha aprendizaxe "de anos"

Agoirou o propio conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, que levará anos avanzar na aplicación da Lei de Transparencia.

Redacción - 09:00 18/10/2007

Aínda subliñando que o Goberno pretende con esta norma situarse "na vangarda" das administracións do conxunto do Estado, o conselleiro de Presidencia recoñeceu que Galiza non estará entre os pioneiros polo simple feito de "aprobar" a lei senón "na medida en que sexamos capaces de desenvolvela". Xosé Luís Méndez Romeu comentou este mércores no Parlamento que tal desafío será un proceso "moi longo, de anos".



Ano e medio despois da súa entrada en vigor, Romeu acudiu á Cámara para dar contas sobre a evolución neste tempo. Ao respecto indicou que existen "diferentes graos" de cumprimento e escusou a lentitude na súa aplicación na "amplitude" da administración e no "cambio cultural" necesario até que poidan xeneralizarse as boas prácticas estabelecidas con esta iniciativa. Con todo, insistiu en que a lei "xa está a dar froitos". O conselleiro tamén salientou o favorábel impacto que na súa opinión terá a norma unha vez que sexa "progresivamente trasladada" ao ámbito local.



Menos optimista foi a avaliación do PPdeG. O deputado Antonio Rodríguez Miranda preguntoulle ao conselleiro "cantas consellarías publican os contratos?" e destacou, na liña do que recoñecera o propio Méndez Romeu que "non se trata de ter unha lei, senón de cumprila". "Os principios da lei están moi ben", concedeu Rodríguez Miranda, "pero se non se cumpren non valen para nada".


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: