Nas vindeiras datas asinará un acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística que lle permitirá ofertar cursos preparatorios de niveis 1 e 4.
O Centro de Idiomas da Universidade de León vai ofrecer, a curto prazo, cursos preparatorios para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga), nos niveis 1 e 4.
Nas vindeiras datas asinarase un protocolo de colaboración entre esta institución académica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde tamén se recollerá a consideración da Universidade de León como centro examinador do Celga, aínda que será persoal da Xunta, institución que expide as acreditacións, quen avalíe as probas.
O acordo, segundo informan dende a secretaría xeral, dálle continuidade ao programa de lingua e cultura galegas xa existente en centros de educación primaria e secundaria do Bierzo, grazas ao protocolo de colaboración existente entre Política Lingüística e a consellaría de Educación de Castela e León.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística conta na actualidade cunha rede propia de lectorados de lingua e cultura galega en universidades de todo o mundo e coa colaboración do Instituto Cervantes, ademais de diversos acordos bilaterais con outros organismos e institucións académicas.