Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Academia da Lingua Portuguesa en Galiza

Primeiros chanzos andados na incorporación do galego á lusofonía

Avalados por dous académicos a semana pasada presentaban o seu proxecto na Facultade de Filoloxía de Compostela. Vieiros con Ângelo Cristóvão e Martinho Montero.

Redacción - 14:30 21/10/2007
Unha das imaxes da Lusofonía

Unha das imaxes da Lusofonía

Hai tempo que se está a traballar na idea de crear unha Academia da Língua Portuguesa en Galiza mais agora as cousas van tomando forma, aínda que non hai présa, xa que, segundo lle contou a Vieiros, Ângelo Cristóvão, un dos responsábeis e promotor da Academia, é unha cousa "que se vai facer para moito tempo", e non importa o que demore creala.

O proxecto formal non foi presentado propiamente, mais a comisión xestora da Academia, entre a que se atopan profesores universitarios -non só de filoloxía-, algunhas asociacións, entidades, empresarios e outros profesionais -moitos levan 30 anos dedicados a isto, así que a cousa vén de vello-, ten pensado telo todo listo para o ano que vén.

Na pasada semana organizaron unha serie de palestras nas que participaron os profesores Evanildo Bechara, da Academia Brasileira de Letras, e Malaca Casteleiro, da Academia das Ciências de Lisboa, que ademais viaxaron a Galiza para darlle o seu apoio á iniciativa académica.

Sen darlle contas á RAG

A Academia vai funcionar como unha entidade privada, sen darlle contas a ninguén, nin sequera á RAG. "Vai ser unha cousa seria, non un chiringuito como a RAG. Temos a vontade de facer unha Academia a serio", díxolle a Vieiros Cristóvão, "chegamos un século tarde, mais temos a experiencia acumulada de outras academias e o consenso e a unidade deste lado da perspectiva da lingua", salientou.

Os promotores da Academia da Língua Portuguesa en Galiza cren que o galego forma parte da lusofonía, e como tal debe ser considerada, como parte do portugués actual. Para eles non é unha lingua independente e o que outras academias están a facer por ela, como a RAG, é deturpala, castelanizala e facer un híbrido estraño, irmán do castelán. Isto só levaría, segundo Cristóvão, á súa desaparición: "que se conciba o galego de xeito distinto ao portugués é a principal condición para a súa desaparición. O galego non debe ser un dialecto do español".

O castrapo, na base da desaparición do galego

Sobre a perde de falantes e o medo a que desapareza o galego, o castrapo é para Cristóvão unha das principais causas: "Algunhas entidades como Política Lingüística din representar ao pobo e maniféstanse en contra doutras normativas que non sexa a súa. Aínda imos ter culpa os reintegracionistas de que desapareza o galego! Din representar ao pobo pero fan a normativa do castrapo e logo aínda lle botan a culpa ao pobo de que a lingua desapareza".

"Nós traballamos pola defensa e a ilustración da lingua. Non contra ninguén, xa que pretendemos defender o noso punto de vista dunha maneira máis formal e institucionalizada", terminou Ângelo Cristóvão.

Símbolo da unidade e integración da lingua galega no portugués

Outro dos promotores da Academia, Martinho Montero Santalha contoulle a Vieiros que a entidade está a dar aínda os primeiros pasos para a súa legalización e van "levando para adiante a cousa" que "vai indo ao seu ritmo".

A Academia vai funcionar, en palabras de Montero Santalha, como "símbolo da unidade e integración da lingua galega no portugués e dos que isto defendemos dende Galiza", e nace "para agrupar aos que defendemos que Galiza pertence ao mundo da fala portuguesa e que sentimos que a última evolución da RAG non vai por aí, senón na liña contraria. Facer do galego unha lingua independente seria un suicidio cultural e levaría á morte da lingua".

"Noutra parte", continúa Montero Santalha, "é importante e é útil que o mundo lusófono se coñeza entre si. Hai moita desinformación e é precisa máis solidariedade, máis información, máis axuda que un organismo como a Academia pode axudar a crear".


3,77/5 (35 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe do profesor Martinho Montero Santalha, un dos promotores da Academia, nunha palestra
Unha imaxe do profesor Martinho Montero Santalha, un dos promotores da Academia, nunha palestra
Unha imaxe do empresario padronés Ângelo Cristóvão, outro dos promotores da Academia e secretario da Associação de Amizade Galiza-Portugal
Unha imaxe do empresario padronés Ângelo Cristóvão, outro dos promotores da Academia e secretario da Associação de Amizade Galiza-Portugal