O ex ministro do Partido Popular referiuse ao treito da ditadura como "situación de extraordinaria placidez".
"Por que vou ter que condenar eu o franquismo se houbo moitas familias que o viviron con naturalidade e normalidade?", respóndelle Jaime Mayor Oreja ao xornalista, "Algúns din que as persecucións nos pobos vascos foron terríbeis, pero non deberon selo tanto cando todos os gardas civís galegos pedían ir ao País Vasco", explica. "Era unha situación de extraordinaria placidez", avalía o ex ministro popular sobre a etapa franquista, durante a entrevista publicada por La Voz de Galicia o pasado domingo.
Preguntado "por que lle custa tanto ao PP condenar o franquismo?", Mayor Oreja responde que "iso forma parte da historia de España" e engade: "Eu non o condenei, eu eloxio e gabo a transición democrática. Como vou condenar o que, sen dúbida, representaba un sector moi amplo de españois?".
As palabras de Oreja foron contestadas este luns polo secretario de Organización do PSOE, o galego Xosé Blanco. Na súa opinión, a dirección do PP debera dar explicacións sobre o asunto. Por isto, Blanco convidou a Mariano Rajoy e Ángel Acebes a explicaren "se eles condenan ou xustifican a ditadura franquista" e de paso falaren dos "motivos reais" polos que se opoñen á Lei de Memoria Histórica.
Ao respecto pronunciouse este luns o secretario xeral do PP, Ángel Acebes, quitándolle importancia ás declaracións de Mayor Oreja. Segundo Acebes, o ex ministro só quería dicir que "o debate sobre a memoria histórica divide, enfronta e abre vellas feridas, e que o pasado só lle incumbe aos historiadores". "Traer cara á actualidade o enfrontamento non achega nada bo", opinou Acebes.