Unha recompilación de conversas entre Álvaro Siza e Manel Somoza inaugura o catálogo da editora.
Capa do libro
A nova editorial Verlibros acaba de presentar o seu primeiro libro, Álvaro Siza, conversas no obradoiro, un diálogo entre o arquitecto galego Manel Somoza e o portugués Álvaro Siza. A publicación responde ao proxecto da editora, que ten como obxectivo cubrir un importante oco: editar en Galiza e en galego libros de arquitectura, arte e estética, fotografía e viaxes, onde se combinen o pensamento, o diálogo, a literatura e a imaxe, tanto estática como en movemento.
O libro recompila as conversas que tiveron lugar entre xaneiro e novembro de 2005 no obradoiro que Álvaro Siza ten na cidade do Porto. Revela a maneira de entender a arquitectura do autor portugués, “que é máis unha maneira de vivir que un conxunto de ideas teóricas ou prácticas sobre a disciplina”, explica o autor, Manel Somoza. “A obra de Siza é un referente internacional da arquitectura dos últimos trinta anos”, engade.