Rubén Santiago participou en Portugal nunha experiencia artística que tivo como protagonista o bacoriño Emiliano.
O artista sarriao Rubén Santiago foi un dos nove artistas internacionais que participaron no Morro Project, unha actividade artística que se desenvolveu en Costa da Caparica (Portugal). O proxecto consiste nunha construción temporal na que cada artista desenvolve a súa intervención no traballo do anterior.
Santiago encargouse de rehabilitar o espazo xerado polos artistas precedentes para convertelo nunha estrutura habitábel e habitada polo porquiño Emiliano. Así, construíu unha cuberta e un foxo de auga e lama que rodea a estrutura central como zona de lecer para o inquilino. Unha vez rematada a construción, desenvolveu a acción “Explicar a Construción a un porco vivo”, inspirada na performance de Joseph Beuys “Explicar a pintura a unha lebre morta”.
No seu caso, Rubén Santiago colleu a Emiliano no colo mentres lle contaba a fábula clásica Os tres porquiños.