Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Julio Gambina, economista

"Na Arxentina de hoxe non chega con ter emprego para saír de pobre"

Experto coñecedor das claves económicas de América, o profesor Julio Gambina visitou Galiza en datas recentes, convidado pola CIG. Vieiros falou con el.

Fernando Arrizado / Roberto Noguerol - 12:00 16/10/2007
Julio Gambina é un dos máis prestixiosos economistas arxentinos

Julio Gambina é un dos máis prestixiosos economistas arxentinos

Profesor universitario de Economía Política na Facultade de Dereito da Universidade Nacional de Rosario, director do Centro de Estudios da Federación Xudicial Arxentina, Co-director do Instituto de Estudos e Formación da Central de Traballadores Arxentinos, presidente da Fundación de Investigacións Sociais e Políticas... Julio Gambina estivo en Galiza para falar de cooperativismo, no marco da campaña de divulgación do proxecto Economía Social desenvolvido pola CIG e patrocinada pola Consellaría de Traballo.

Na súa opinión, poucos países amosan o nivel de expansión económica conseguido por Arxentina nos últimos tempos, pero como sinala Julio Gambina, "dá a sensación de que ese ritmo de crecemento xa se detivo", aínda que as expectativas son que o país siga medrando por riba da media mundial.

Así e todo, nese contexto, a pé de rúa a situación despois do punto de inflexión da crise segue sendo complicada. Como explica Gambina para Vieiros, se ben a pobreza caeu dun 60 a un 30% e o desemprego do 21 cara ao10%, o teito de pobreza segue estando moi por riba do que estaba tempo atrás e, por riba, a precarización do traballo é alta.



O economista considera que o actual goberno arxentino mantivo na práctica a estrutura de poder xestada na anterior etapa política do país, a que o conduciu á crise. No ámbito da situación laboral é claro na súa opinión que se mantén a precarización do emprego e que á vez que o paro aínda é un problema existe un problema de sobreexplotación da forza de traballo: "Na Arxentina de hoxe non chega con ter emprego para saír de pobre".



O Partido Radical e o Partido Peronista alternáronse tradicionalmente nos gobernos arxentinos, malia que paradoxalmente, sinala Gambina que desta volta por primeira vez en moito tempo "semella que non hai fórmula presidencial nítida do partido peronista ou do partido Radical". "Existen coalicións que unen sectores de ambos bandos. Por exemplo, a Fronte da Vitoria é o partido do goberno pero baixo outra figura electoral, Cristina Fernández vai en coalición, e leva como candidato a vicepresidente o gobernador da provincia de Mendoza, que é do Partido Radical. E porén, no outro lado, o presidente do radicalismo vai como vicepresidente dunha fórmula que leva como presidente quen fóra ministro cos rivais, Roberto Lavagna". Esta abrollando un novo sistema político, onde hai coalicións máis vinculadas á dereita ou ao centro.



"O desafío é que queda un espazo baleiro á esquerda. Ademais, por vez primeira existe a intención de armar unha dereita constitucional. Exemplo é o primeiro éxito nas eleccións da cidade de Bos Aires, co empresario Mauricio Macri. A esquerda está profundamente fragmentada, e ten o desafío de artellar unha nova representación política que empurre a Arxentina na dinámica de América Latina, que ten moito que ver coas loitas de Arxentina nos 90. América Latina é como unha carreira de postas onde a dinámica social vai levando as loitas dun país a outro, nun proceso de acumulación continua. Así como hai avances tamén hai retrocesos e Arxentina hoxe non está no mellor momento de dinámica de loita de masas, aínda que calquera que chegue verá mobilizacións, estas non son como aquelas de hai catro ou cinco anos, aínda que si hai moitas loitas de resistencia"



"Xeráronse condicións para a integración dos pobos moi importantes. (...) O ALBA é unha estratexia nova que comeza a desenvolverse. Temos o proxecto de liberalización total por un lado e unha estratexia integración socialista de novo cuño co ALBA. E a medio camiño o Mercosur. (...) Moitos critican esta idea do socialismo do século XXI pero o gran mérito é precisamente poñer en discusión esa oportunidade para unha sociedade distinta"



"Arxentina ten unha gran tradición cooperativista. Coa crise xurdiron un conxunto de cooperativas promovidas por traballadores para resolver a vida cotiá. O cooperativo era visto por sospeita desde a esquerda pero a partir dos 90 cambia a cousa. Progresivamente a cooperativa vai aparecendo como unha forma mellor de avanzar cara á construción dunha sociedade alternativa"



"No cooperativismo, como na relixión, hai grandes división e formas de ver a súa aplicación. Hai un cooperativismo que é parte do capitalismo, e hai un cooperativismo que propón transformar a sociedade. Esa transformación nin é lineal nin vai por camiño de rosas, son parte do sistema capitalista, pero ao tempo xeran e impulsan o desafío de modificacións radicais".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: