Aymerich criticou que o presidente da Xunta fose a Bos Aires a "dar un mitin" e que non comprometese a depuración do censo.
En visita en Uruguai, despois da súa estancia a fin de semana anterior en Arxentina, Emilio Pérez Touriño recoñeceu que a reforma do Código Civil que garantiría a cidadanía dos netos de emigrantes podería non chegar tan axiña como anunciara o día anterior. Así e todo, informou de que se non dese tempo a incluíla na reforma da Lei de Adopción Internacional, o goberno español tramitaríaa como disposición adicional "nalgunha outra norma" antes de que conclúa a lexislatura a nivel estatal.
Ao respecto da polémica xerada en Galiza polas presuntas intencións electoralistas da decisión, insistiu Touriño en que iso non significaría que "voten ao día seguinte". Ao respecto, evitou pronunciarse sobre as cancelas que ao dereito ao voto puideran introducirse e afirmou unicamente que o obxectivo é "rematar cun erro histórico" e resolver unha "reivindicación histórica da emigración".
O BNG advirte das implicacións da decisión
"Non se pode caer no erro fraguiano de identificar a condición de individuo coa de simple elector", reflexionaba este luns o deputado nacionalista Iago Tabarés. Na súa opinión é difícil admitir que alguén que por exemplo "nunca viviu nun concello nin ten relación con el poida ser clave e determinar o seu goberno". Ao tempo, criticou tamén que o goberno español non estea demostrando a mesma presa por facer as reformas necesarias para que todos os residentes no exterior poidan votar en urna.
No mesmo sentido falou o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, quen lembrou que o Censo de Residentes Ausentes segue sen depurar mesmo despois de que a propia Xunta recoñecese o elevado número de irregularidades detectadas. Aymerich criticou que se estea manexando a posibilidade de que milleiros de netos de emigrantes pasen a votar nos próximos comicios cando Galiza afronta a posíbel perda dun escano a nivel estatal e eses novos electores non contarán na atribución de asentos no Congreso.