Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O caso chega aos tribunais

Quercus dubida da legalidade do aluguer de terreos do Concello de Mira a Pescanova

A Cámara de Mira tratou de vender un área sobre a que non ten a propiedade. Posteriormente, alugoulla á empresa galega.

Redacción - 09:00 09/10/2007

"Ten o cento por cento do apoio do goberno", láianse desde o colectivo ecoloxista Quercus ao respecto da posición do goberno portugués fronte á construción da piscifactoría de Pescanova en Mira. Veciños e ecoloxistas exemplifican a situación co acontecido a conto dos propios terreos que á empresa lle cumprían para despregar un dos maiores proxectos acuícolas do mundo. Así, malia o seu carácter de dominio público, a superficie foille ofrecida en venda a Pescanova, aínda que a resistencia da veciñanza fixo que á fin optasen por ceder os predios baixo alugueiro.

Denuncia nos tribunais antes de que as obras comecen
Proba do estreito apoio do goberno a Pescanova foi o acto oficial celebrado esta fin de semana en Mira, con presencia do propio primeiro ministro, José Sócrates, acompañado dos ministros de Pesca, Jaime Silva, e Economía e Innovación, Manuel Pinho. A simbólica posta en marcha do proxecto chega mesmo antes de que comezasen as obras e cando apenas só se comezou a achegar a infraestrutura eléctrica necesaria cara á zona.

Desde Quercus, a primeira fronte xudicial aberta ten que ver precisamente con esa presunta apropiación indebida dos terreos onde se pretende levantar o proxecto acuícola. Ao respecto, Antonio Campos, voceiro dos ecoloxistas na zona de Coímbra, laiouse en declaracións a Vieiros de que o goberno mesmo apandase cunha declaración de impacto ambiental incompleta. O devantito documento debera incluír, segundo a lexislación portuguesa, esixencias de obrigado cumprimento para a empresa sobre os coidados a ter en hábitats prioritarios no ámbito de zonas protexidas. Paradoxalmente, ningunha recomendación relacionada foi incorporada.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: