A vindeira semana podería estar creada esta entidade, proposta por Venezuela e Arxentina a comezos deste ano. A entidade nace para autofinanciar os proxectos dos países sudamericanos.
Os ministros de economía dos países sudamericanos reúnense esta segunda feira no Brasil para falar sobre a creación do Banco do Sur. Coordinada polo ministro brasileiro Guido Mantega, a xuntanza, -que xa é a terceira deste tipo dende comezos de ano-, faise no Palácio do Itamaraty, en Rio de Janeiro e ao seu término os ministros han anunciar cal será o formato do novo banco.
Cando propuxo a creación do Banco do Sur, o presidente venezolano Hugo Chávez afirmou que a institución ía ter como principal obxectivo auxiliar os países da rexión coas súas crises financeiras, para impedir que recorran a organismos como o FMI ou o Banco Mundial.
Os Brasileiros tamén apostan porque o proxectado Banco do Sur tamén financie proxectos de desenvolvemento. Segundo o ministro anfitrión, Guido Mantega, a nova entidade non debe ser usada con intereses políticos por ningún país americano, xa que debería estar máis dirixida ao fortalecemento das infraestruturas que axuden á integración na rexión, axilizando a aprobación de proxectos deste tipo nos países sudamericanos.