Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Copa do Mundo de Triatlón

Pilar Hidalgo volve con forza e aspira a estar en Beixín

Excelente noticia para o deporte galego este domingo, coa recuperación para a máxima competición da compostelá Pilar Hidalgo, décima en Grecia. Iván Raña fixo sétimo en categoría masculina.

Redacción - 19:00 07/10/2007

A portuguesa Vanessa Fernandes venceu este domingo no triatlón de Rodas, na Copa do Mundo, consolidando o triunfo nesta competición, xa asegurado antes desta proba.

Pero ollos dos galegos estaban nesta xornada pousados na evolución da triatleta santiaguesa Pilar Hidalgo. A atleta compostelá apuntaba en 2002 como unha das chamadas a dominar o triatlón feminino mundial despois de vencer no campionato do mundo sub23, e conseguía nas Olimpíadas de Atenas marcar a 13ª posición. Por desgraza, Hidalgo sufriu nos últimos tempos dun longo período de convalecencia, onde debeu superar unha doenza cardíaca con intervención cirúrxica incluída. Agora, a triatleta galega semella estar recuperada para a alta competición.

Con apenas mes de medio de adestramento xa fixera unha prometedora actuación no Campionato de España, de onde volveu coa medalla de bronce. Dúas semanas máis tarde, en Grecia confirma que volverá ofrecer grandes triunfos para o triatlón galego.

Con máis dunha ducia de probas disputadas nesta Copa do Mundo e co triunfo final xa decidido para Vanessa Fernandes un dos grandes alicientes no que queda de tempada será a clasificación para Beixín 2008. Para esa cita, Pilar Hidalgo confírmase como unha sólida aspirante. O seu décimo posto este domingo faina chimpar xa ao posto 58º do ránking mundial, e con só outra triatleta a nivel estatal por diante dela, Ana Burgos. A galega puido incluso rematar en mellor posición, xa que saíra cuarta da auga e moveuse nos primeiros postos durante o treito ciclista. Pequenas molestias cara ao final no treito a pé deixárona así e todo nunha excelente décima posición final.

Raña fai sétimo
Nunha extraordinaria carreira, o ordense Iván Raña conseguiu a sétima posición na mesma competición e en categoría masculina. Raña, que disputou as medallas até o último momento, amosou o seu bo momento de forma, despois de conseguir a medalla de ouro no campionato estatal. Da súa traxectoria nesta Copa do Mundo destaca ademais a regularidade demostrada, con cinco participacións sempre entre os dez primeiros. O vencedor este domingo en Grecia foi Kris Gemmell, de Nova Celandia. Non estaba desta vez o ferrolán Xavier Gómez Noya, quen xa se asegurou a vitoria final na competición despois dos triunfos acumulados.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: