A ex alcaldesa de Vigo, do PPdeG, gastou todos eses cartos na mudanza da alcaldía a un novo edifico e nos mobles deste, que asegurou, ían ter "custe cero".
A torre, sede do Concello de Vigo, que Porro abandonou para levar a alcalía ao Areal / Flickr: Tomas R Vigo
Segundo publica esta sexta feira El País, a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro gastou polo menos 498.729 euros en amoblar a nova alcaldía, na rúa do Areal, na que pasou os últimos 6 meses. A nova sede da alcaldía foi, durante o mandato de Porro, un predio construído por un indiano en 1863, maxestoso, máis acorde que o primeiro andar da torre municipal, -segundo as ideas da ex alcaldesa-, construída en cemento en 1972. O edificio xa fora banco e sede militar, antes de aloxar a reitoría da Universidade de Vigo.
O PP de Vigo gastou todo o orzamento neste último ano, e nel non viñan incluídos estes 500 mil euros da mudanza. Agora, as facturas daquela mudanza chegan aos novos xestores do Concello de Vigo, xunto con outras aínda pendentes de pago, que deberan ser cargadas nos orzamentos do ano que vén.
Construíndo un bastión popular
No momento do traslado, a oposición mostrouse en contra do novo emprazamento, acusando a Porro de querer situar a súa alcaldía a carón da sede do PP de Vigo durante as eleccións municipais, o Areal. Ademais, al ladiño tiñan pensado instalar a única delegación provincial da Deputación de Pontevedra e a sede da Mancomunidade, constituíndose o predio como o "bastión popular" da cidade, a un paso das eleccións.
No segundo andar do edificio está agora o servizo municipal de Educación, mais aínda non está claro cal vai ser o destino final do inmóbel: podería ser a sede da biblioteca estatal, como propón o alcalde, Abel Caballero (PSdeG); ou podería ser a sede dunha pinacoteca, cos fondos do Museo de Castrelos, como propón o outro grupo de goberno municipal, o BNG.