Corenta anos despois da súa morte, a imaxe do Che Guevara segue a ser recordo máis buscado polos visitantes da illa.
Case medio século despois do triunfo da Revolución non hai nin sequera unha estatua de Fidel Castro en Cuba. Porén, a imaxe do Che está por todas partes. Camisetas, gorras, pósters, calendarios e chaveiros co seu rostro véndense en hoteis, prazas e museos a estranxeiros.
"Todo o que teña ao Che véndese só. Os que máis compran son os turistas estranxeiros, aínda que tamén os mozos cubanos cómpranos, cando poden," afirma unha vendedora de souvenirs nun hotel da Habana.
A imaxe do guerrilleiro é custodiada pola súa viúva, Aleida March, e os seus fillos dende o Centro de Estudos Che Guevara da capital cubana. As tendas estatais de artesanías venden dende camisetas brancas, negras ou vermellas coa imaxe do Che, até deseños máis elaborados que mesturan a foto do guerrilleiro co texto da carta coa que se despediu de Castro antes de viaxar a Bolivia.
Por uns nove euros, os turistas poden levar un CD multimedia con El diario del Che en Bolivia ou un DVD sobre a súa vida. Moitos dos seus discursos ou textos están tamén á venda. Unha copia de Socialismo y el hombre en Cuba, considerado o seu testamento político, custa uns 13 euros na tenda do hotel Habana Libre.
Tatuaxes
Os turistas máis fanáticos non marchan da Habana sen se tatuaren antes a famosa fotografía de Guevara, tomada polo cubano Alberto Korda. As tatuaxes do Che poden custar entre 10 e 30 euros, segundo o tamaño, as cores e a complexidade do debuxo.
Alejandro Pando, un dos máis famosos tatuadores de Cuba, conta que moitos dos turistas que chegan ao seu estudo a procura da imaxe do Che fano por moda e non por razóns ideolóxicas, "sen saber realmente quen era, nin que foi o que fixo". "É como mercar unha caixa de tabacos," afirma.