Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As últimas horas do Che

'Dezasete homes camiñan cara a aniquilación'

Moito se ten escrito sobre o Che; sobre a súa vida e, tamén, sobre a súa morte. Un dos que mellor relata esta última é o escritor uruguaio Eduardo Galeano.

Redacción - 17:30 08/10/2007
O Che en Bolivia

O Che en Bolivia

En El siglo del viento, o derradeiro dos libros que completan a triloxía Memoria del fuego de Eduardo Galeano, o escritor uruguaio, no capítulo 'A orillas del río Ñancahuazú', relata as últimas horas da vida do médico, guerrilleiro e político arxentino-cubano Ernesto Guevara, máis coñecido como Che Guevara:

Dezasete homes camiñan cara á aniquilación
O cardeal Maurer chega a Bolivia dende Roma. Trae as beizóns do Papa e a noticia de que Deus apoia decididamente ao xeneral Barrientos contra as guerrillas.

Namentres, acosados pola fame, abafados pola xeografía, os guerrilleiros dan voltas polas matogueiras do río Ñancahuazú. Poucos campesiños hai nestas inmensas soidades; e nin un, nin un só, se incorporou á pequena tropa do Che Guevara.

As súas forzas van diminuíndo de emboscada en emboscada. O Che non fraquea, non se deixa fraquear, aínda que sente que o seu propio corpo é unha pedra entre as pedras, pesada pedra que el arrastra avanzando á cabeza de todos; e tampouco se deixa tentar pola idea de salvar ao grupo abandonando aos feridos. Por orde do Che, camiñan todos ao ritmo dos que menos poden: xuntos serán todos salvados ou perdidos.

Perdidos. Mil oitocentos soldados, dirixidos polos rangers norteamericanos, písanlles a sombra. O cerco estréitase máis e máis. Por fin delatan a localización exacta un par de campesiños lercháns e os radares electrónicos da National Security Agency, dos Estados Unidos.

Crebada do Yuro. A caída do Che
A metralla rómpelle as pernas. Sentado, segue pelexando, até que lle voan o fusil das mans. Os soldados disputan a lapotes o reloxo, a cantimplora, o cinto, a pipa. Varios oficiais interrógano, un tras outro. O Che cala e mana sangue. O contraalmirante Ugarteche, ousado lobo de terra, xefe da Mariña dun país sen mar, insúltao e ameázao. O Che cúspelle na cara.

Dende La Paz, chega a orde de liquidar ao prisioneiro. Un refacho aniquílao. O Che morre de bala, morre a traizón, pouco antes de cumprir corenta anos, exactamente á mesma idade á que morreron, tamén de bala, tamén a traizón, Zapata e Sandino.

Na aldeíña de Higueras, o xeneral Barrientos exhibe o seu trofeo aos xornalistas. O Che xace sobre unha pila de lavar roupa. Logo das balas, aniquílano os flashs. Esta última cara ten ollos que acusan e un sorriso melancólico.

Badaladas por el
Morreu en 1967, en Bolivia, porque se equivocou de hora e de lugar, de ritmo e de xeito? Ou morreu nunca, en ningures, porque non se equivocou no que de verdade vale para todas as horas e lugares e ritmos e xeitos?

Cría que se hai que defender das trampas da cobiza, sen baixar xamais a garda. Cando era presidente do Banco Nacional de Cuba, asinaba Che os billetes, para se burlar do diñeiro. Por amor á xente, desprezaba as cousas. Enfermo está o mundo, cría, onde ter e ser significan o mesmo. Non gardou nunca nada para si, nin pediu nada nunca. Vivir é darse, cría; e deuse.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Félix Rodríguez, o axente da CIA envíado a matar ao Che, posa co cadaver deste
Félix Rodríguez, o axente da CIA envíado a matar ao Che, posa co cadaver deste