Un xulgado acaba de admitir a trámite un recurso presentado polo MpDC contra a delegación do goberno estatal por non entregarlles unha listaxe de concellos con cámaras de vixiancia.
O MpDC solicitáralle hai un ano á delegación en Galiza do goberno español unha relación dos municipios nos que hai colocadas cámaras de videovixiancia. Segundo a Lei de Videovixiancia, débese informar aos viandantes das zonas das cidades e das vilas nas que hai cámaras de vixiancia -sen especificar o seu emprazamento exacto-, e, por extensión, esta información, referida aos concellos tamén debera ser pública, segundo o MpDC.
Renato Núñez, voceiro do colectivo, díxolle a Vieiros que a Delegación do goberno está a incumprir a lei, xa que debera entregar información cos nomes dos concellos galegos que solicitaron a colocación de cámaras. Ademais, Núñez salientou que hai varios concellos con videovixiancia que non teñen todos os permisos en regra, un feito que tamén debera facerse público.
Agora o Xulgado Número 2 da Coruña, que aceptou o contencioso, pediulle á delegación do goberno estatal o escrito que lle fora entregado polo MpDC, no que se solicitaba esta listaxe de concellos. "Mais o que entregaron foi o noso escrito de solicitude e unha serie de información sobre o noso movemento; unha especie de dossier no que se recollen os nosos estatutos, os cargos da asociación... que máis ben parece unha investigación sobre nós que o que realmente lles pedían", comentoulle Renato Núñez a Vieiros.
Os dereitos civís esquecidos
"Parécenos bastante triste que xusto no momento no que dende a Xunta se está a falar da carta dos dereitos dos cidadáns, e de transparencia a nivel nacional e estatal, se lles negue aos cidadáns esta información. Fai pensar que todo o demais é mera propaganda", salientou Renato Núñez.
Agora, un ano após a petición formal do MpDc, só queda preparar unha demanda, na que xa están traballando dende a organización, que será presentada nos vindeiros 15 días.