A operación de exportación máis importante da historia da compañía garántalle 800.000 horas de traballo ao asteleiro de Ferrolterra.
A empresa pública Navantia e o goberno de Australia asinaron este xoves un contrato para a fabricación de tres destrutores. O asteleiro ofrecerá o deseño e a asistencia técnica en colaboración co asteleiro australiano ASC. O contrato reportaralle 285 millóns de euros a Navantia, ademais dunha carga de traballo estimada en 800.000 horas.
Segundo un comunicado da propia empresa, o goberno de Australia seleccionou o proxecto que considerou con mellor calidade-prezo ca o da estadounidense Gibbs&Cox. Dende Navantia sinalan que esta última operación “contribúe de xeito decisivo á consolidación dun sector público da construción naval militar forte e con garantías de futuro”. A vindeira semana, a compañía agarda pechar o contrato de construción de dous buques anfibios o que suporá a maior operación de exportación da historia da empresa.