Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Autonomía

Os pactos posíbeis: lingua, territorio, autogoberno

Tripla oferta do presidente da Xunta para o consenso dos grupos parlamentarios, incluído o reproche ao PPdeG por rachar o acordo arredor da lingua.

Redacción - 13:30 02/10/2007

"Non sei que cálculo de hipotéticos beneficios electorais fixeron ao romper o consenso lingüístico, se é que fixeron algún e non se limitaron simplemente a seguiren instrucións", laiouse Emilio Pérez Touriño sobre a recente saída dos populares do que semellaba un firme consenso entre todas as formacións políticas sobre o decreto do galego no ensino.

"Propóñolles volver ao consenso", insistiu o presidente da Xunta, convidando o PPdeG a unirse a un acordo "unánime" sobre a lingua. Un debate no que Touriño reflexionou que é factíbel a aposta pola "Galiza plurilingüe, diversa e tolerante, pero tamén orgullosa de saber coidar tesouros como ese idioma milenario que nos singulariza no concerto mundial dos pobos e das culturas".

"A gran maioría dos cidadáns son conscientes de que o idioma galego é un feito distintivo e propio, un factor de unidade, de identificación e de singularidade colectiva, un patrimonio de todos", expresou. Foi nese sentido que criticou que o PPdeG crease unha anomalía "preocupante" neste contexto rachando o consenso político sobre o decreto. "Foi unha ruptura estraña, ordenada no último minuto do desconto e despois de que o PPdeG participase na negociación do decreto e dese a súa aquiescencia ao seu articulado", lembrou, recordándolles ademais aos populares o aval sólido do Plan Xeral de Normalización "que o propio PP trouxo a esta cámara na pasada lexislatura e foi apoiado por todos os deputados".

Ambición no autogoberno á volta do fracaso estatutario
"A reforma do Estatuto é un obxectivo de país que segue plenamente vivo", subliñou Emilio Pérez Touriño. O presidente salientou a vontade de PSdeG e BNG de que a reforma poida realizarse e afirmou ao respecto que as premisas non mudaron: Estatuto "de encontro" e de "máximos" en canto ao recoñecemento da identidade e ao nivel competencial e de garantías de financiamento. E porén, Touriño convidou como alternativa a debater un acordo para o impulso do autogoberno para aproveitar o estatuto vixente coa meta de "esgotar todas as posibilidades" mentres non sexa posíbel recuperar a negociación estatutaria. Con todo, Touriño referírase anteriormente ao labor realizado nos últimos dous anos "coa consecución de novos traspasos competenciais, ao reactivar a Comisión Mixta de Transferencias, anteriormente paralizada".


Territorio: un pacto para a estabilidade das "políticas de país"
"Nos dous últimos anos convidei repetidas veces, a todas as forzas políticas e en especial á oposición, a selar un pacto sobre o territorio", recordou Touriño, reiterando o ofrecemento para un "acordo de país" sobre ordenación do territorio, aproveitamento racional dos recursos e protección do litoral e contornos especiais. "Suporía unha garantía necesaria de permanencia dunha política de país allea á alternancia política", defendeu ao respecto o presidente. Nese sentido asegurou que o labor da Xunta cara ao ecuador de lexislatura se caracterizara por rematar co "todo vale", freando a presión especulativa sobre o medio e estabelecendo as bases para a racionalidade e a transparencia na ordenación do territorio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: