O festival internacional de títeres organizado pola Concellaría de
Cultura e a Asociación Cultural Barriga Verde vén cheo de sorpresas: novos espazos, logo do peche de Sala Yago, e novas actuacións. Para suplir as carencias que podía supor na programación a falta do espazo referencial, a alma mater dos títeres en Compostela, instalouse na Alameda unha carpa que, a xeito de "Sala Yago no exilio", como bromea Jorge Rey, director do festival, acollerá a todos os públicos.
Poderemos ver as últimas achegas de compañías galega tan nomeadas como
Cachirulo, que presenta a didáctica
Do, re, mi, Mozart xoga aquí, un achegamento lúdico e tenro á figura do xenial compositor, e
O calcetín amarelo.
Cascanueces, c'
O gato simple, ou
Caramuxo, con
Glub, glub, achegan dúas obriñas sinxelas e divertidas para os máis pequenos. Ademais, non podemos deixar de asistir a un espectáculo único no mundo: o circo de pulgas de
Carruselo.
Volta aos títeres de rúa
O espectáculo de bululú, ou a nosa tradición dos romances de cego, volverán coa mesma forza de hai moitos séculos ás rúas compostelás: Santi Prego e María Xosé López traen os seus romances de cego á Praza Roxa, e a compañía lalinense Seisdedos, c'O cego dos monifates, lembra os tradicionais cantares de cego acompañado polas súas marionetas. Tamén Antón Castro hanos achegar ao mundo da tradición oral.
Ademais, Bululús é un espectáculo en que participan compañías galegas, de Euskadi, Madrid, Cataluña, México e Italia, para homenaxearen, con teatro de rúa, ao desaparecido Pepe Otal. O gran artista do títere nacera en Albacete hai 61 anos, e morreu o pasado 25 de xullo.
Dende outras latitudes...
Contaremos cun número importante de compañías latinoamericanas: os arxentinos Chachakün, con
El investigatopo dopo, e Los Bufones con
O gran delirio de Anacleto e Cascarrabias. Dende Colombia, Granito cafecito achéganos unha versión ecoloxista d'
Os tres porquiños.
Contos in-versos (para nenos trastes) son os que nos trae a compañía venezolana Centro de Produción de Actividades Alternas. Por último, a compañía arxentina
El Chonchón recupera o cinema cómico de Cantinflas, Chaplin ou O gordo e o fraco con
Los bufos de la matiné.
Tamén veremos a compañías do resto da Península: a malagueña Surterráneo teatro, con
A gata María, a madrileña Bravonel cunha aventura inspirada no teatro clásico, e o
Quixote, segundo a valenciá Bambalina. Imos alén Miño: Marionetas, actores e objectos traen dende Viana dúas montaxes, e un fondo interese en colaborar con Barriga Verde en circuítos de títeres entre Galiza e Portugal.ç
Volve, outro ano máis, o belga Plansjet co'
A danza das marionetas, e chegan novas compañías europeas:
Teatro dei fauni trae dende Suíza unha preciosa historia contada con actriz e monicreques, e
Claudio Cinelli pecha o sábado cun espectáculo único: unha selección de ópera interpretada polas súas mans.Viktor Antonov trae máis números de circo dende Rusia: esta vez son títeres de corda os que realizan todo tipo de acrobacias. E
La compagnie du petit monde trae a inocente historia dun calcetín e o seu despistado dono nun teatro de sombras. Volveremos á tradición (napolitana, neste caso), da man do italiano Gianluca di Mateo.
E dende Turquía, poderemos gozar dunha impresionantes experiencia estética da man de Cengiz Özek Shadow Theatre. O seu teatro de sombras, en perfecta harmonía coa música, non nos vai deixar indiferentes. E as marionetas de Sri Lanka amosarannos a mellor tradición dancística do seu país. En resumo, as marionetas enchen Compostela de maxia un ano máis, demostrando que son aptas para todos os espazos, para todos os públicos e para todos os gustos. Temos unha semana enteira para descubrilas