Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

A I+D e a innovación dous anos despois

O novo goberno asumiu como bandeira a aposta polo coñecemento para o medre do país. Xavier Vence analiza o que deu de si apolítica en I+D+i do actual Executivo.

TEMPOS Novos - 12:52 01/10/2007

Unha das bandeiras que asumiu o novo goberno foi a defensa dun novo modelo de crecemento no que o coñecemento e a innovación fosen desprazando unha economía asentada no espolio dos recursos naturais, na construción e no dispendio de recursos públicos en obras de dubidosa utilidade social. Pasados dous anos non cabe dúbida que o sector de construción e obras públicas segue a ser un dos piares nos que se asenta o noso crecemento pero tamén é certo que, por un lado, o negocio inmobiliario depende máis da política macroeconómica e da marcha dos mercados financeiros que da política autonómica. Por outro lado, neste tempo empezaron a sentarse as bases dunha renovación do tecido industrial co impulso a novas actividades, particularmente no terciario intensivo en coñecemento e o fomento da innovación e da I+D no conxunto do sistema. Isto está a traducirse nun cambio no discurso e empeza a sentirse tamén no mundo dos negocios.

Para os que levamos anos nestas lideiras é unha satisfacción ver que hoxe existe un consenso bastante xeral, non exento de retórica!, en que a innovación é o motor do cambio económico, que permite crear emprego de calidade e riqueza no país, aumentando a produtividade e facendo empresas competitivas. Máis alá da efémera fascinación, o certo é que a innovación é o motor dinamizador das economías modernas e a súa intensidade, orientación e impacto depende en boa medida do papel das institucións e da regulación dos mercados.

O primeiro paso do bipartito foi a creación da Consellería de Innovación e Industria e a unificación das competencias de I+D e innovación baixo unha única Dirección Xeral, responsábel do Plan de I+D+i. O segundo paso foi a elaboración dun novo Plan de I+D+i (INCITE), un Programa de Innovación Empresarial e un Plan Estratéxico da Sociedade da Información e, o terceiro, foi un aumento moi significativo dos recursos asignados. Podemos dicir, polo tanto, que a andaina empezou con bo pé. Os cambios introducidos até o momento son importantes.

Agora ben, como é natural, non todo é branco na executoria destes dous anos: nin se fixo todo o que era posíbel, nin se identifica unha visión que artelle unha estratexia global coherente, nin os acontecementos da intrahistoria gobernamental son exemplares no que toca á coordinación dos esforzos e optimización no uso dos recursos. Nestas liñas tentaremos unha aproximación ás luces deste período pero sen escamotear as sombras, que deberían ser obxecto de atención nos dous anos que restan de lexislatura. Antes de máis nada, cómpre empezar por poñer os pés na realidade e dar conta da situación de partida.

As eivas acumuladas

A última edición do European Scoreboard Innovation (2006) permite a elaboración do índice sintético de innovación-ISI que pondera unha batería de 25 indicadores clave relativos a diferentes aspectos da innovación, non só os relativos a I+D senón tamén a formación, novos produtos, exportacións alta tecnoloxía, capital risco, etc, etc. Isto permite unha comparación polo miúdo da nosa "performance" innovadora coa do resto de Europa da que aquí reteremos tan só algúns indicadores globais. Galiza presenta unha performance innovadora de 0,34 (sobre 1), o que nos sitúa na posición 142 dentro do conxunto das 208 rexións da Unión Europea. Estamos moi lonxe das rexións innovadoras de Europa e entre as españolas ocupamos o oitavo lugar, por detrás de Madrid (31), País Vasco (55), Navarra (76), Cataluña (82), Aragón (90) e Comunidade Valenciana (130). Co humilde realismo a que obriga esa posición cabe sinalar o feito positivo de que nos últimos anos Galiza é a que presenta un ritmo máis acelerado de mellora dese Índice.

Cando nos fixamos especificamente na ratio gasto en I+D/PIB vemos que, despois dun certo aumento irregular e cíclico até 2002, produciuse un case-estancamento entre 2003 a 2005 que o deixa nun modestísimo 0,89 por cento do PIB e a unha distancia sideral do 4 por cento dos países líderes en Europa. Estamos moi lonxe do obxectivo do 3 por cento fixado na Axenda de Lisboa da UE para 2010 (certamente irrealista!). Alén diso, o exame do esforzo en I+D nos tres grandes sectores institucionais (Empresa, Administración Pública e Ensino Superior) permite poñer de manifesto dous problemas relevantes: a) o 56 por cento da I+D é realizada no ámbito público das Universidades e nos Centros Públicos, que sufriron un parón entre 2001 e 2005; b) o sector empresarial realiza un esforzo en I+D moi exiguo, tres veces inferior a media comunitaria (0,37 por cento vs 1,18 por cento) e oito veces inferior a países como Suecia, Finlandia, Corea ou Suíza, sendo o principal responsable do noso baixo nivel agregado de I+D.

As consecuencias desa configuración podemos vela nos resultados. No relativo á I+D pública, o indicador de produción científica (medido polo número de publicacións ISI) ofrece un resultado modesto pero digno: co 6,8 por cento do total español e ocupando a quinta posición podemos dicir que se trata dunha posición bastante máis brillante que en calquera outro indicador socioeconómico. O problema está en que a partir de 2002 prodúcese un estancamento que invita á reflexión e á toma de medidas. No relativo á capacidade innovadora, a balanza comercial tecnolóxica pon en evidencia que as exportacións de produtos de alta tecnoloxía seguen sen despegar, provocando unha profunda dependencia exterior nese segmento estratéxico. As únicas exportacións que seguiron unha senda de crecemento nos últimos anos foron as de produtos de tecnoloxía medio-baixa e baixa, reforzando a nosa especialización neste pouco estratéxico segmento.

Ese pobre "score" é o resultado de múltiples causas que prenden as súas raiceiras nos foxos da nosa historia contemporánea pero que cristalizan en dous feitos básicos: un reducidísimo, por non dicir marxinal, esforzo en I+D do sector empresarial e unha política pública igualmente cativa. Nese sentido, padecemos as consecuencias dunha longa xeira na que os recursos para I+D e innovación quedaron absolutamente preteridos na estratexia de gasto do goberno galego, de maneira que o peso das axudas para I+D mesmo deveceu entre 1999 e 2003 (desde o 1,1 por cento ao 0,85 por cento) e nos dous anos seguintes a penas recuperou o 0,94 por cento. A conclusión lóxica destas constatacións é que un aumento sostido e significativo do esforzo en I+D en Galiza require inxectar máis recursos no sistema público de I+D pero, sobre todo, require que as empresas adopten unha estratexia moito máis activa na realización de actividades de I+D (para acercarse á media comunitaria ese esforzo debería, cando menos, triplicarse). O importante aumento do orzamento galego para I+D+i en 2006 e 2007 permite afirmar que esas eivas foron entendidas.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: