A representación galega, que acadou unha medalla de ouro, tres de prata e unha de bronce, foi recibida na sexta feira pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto.
Segundo contan dende Deporte, o piragüismo galego segue sendo unha das disciplinas deportivas polas que Galiza chega máis alto nas competicións internacionais. A comezos deste mes, os días 8 e 9, tivo lugar en Györ (Hungría) o Mundial de Piragüismo en maratón. Dende Galiza ían 5 palistas das categorías sénior e outros 5 júnior, con Arturo Paz, do Illa de Arousa, como adestrador.
O balance da participación galega foi moi positivo. Os galegos acadaron 5 medallas que na sexta feira a conselleira Ánxela Bugallo, e da directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quixeron celebrar, ofrecendo unha recepción oficial aos deportistas, á que tamén asistiu o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Modesto Teijeiro Valledor.
En Hungría, a medalla de ouro foi para Ángel Cristian Ribadomar (Club Breogán Outón Xunqueiriña), en junior C1; as pratas foron acadadas por Fredi Bea (tamén do Breogán) en C1, e Ramón Ferro e Óscar Graña (ámbolos dous do Illa de Arousa) en C2, mentres que Manuel Antonio Campos (do Breogán) conseguiu o bronce.
Todos eles, agás Óscar Graña -que non puido asistir por motivos laborais -, participaron hoxe da recepción organizada pola Consellería de Cultura e Deporte, xunto cos outros palistas galegos que non conseguiron postos de medalla: Jaime Dobarro, Yoel Alonso, Álvaro Bravo e Diego Romero. María Pérez, quen tamén participou no mundial de Hungría, tampouco puido estar presente.
Dous días antes, tamén en Györ, celebrouse a Copa do Mundo Master, para veteranos, onde Francisco Vázquez Redondo, do Club Cofradía de Pescadores de Portonovo, conseguiu unha medalla de ouro en K2 e unha de bronce en C1. El tamén estivo na recepción.