Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

Territorio e áreas metropolitanas

Até o de agora ningún goberno galego foi capaz de resolver a organización territorial de Galicia. Xosé M. Souto González propón sete recomendacións para axeitar o territorio ás demandas.

TEMPOS Novos - 13:07 28/09/2007

Un dos retos básicos en calquera país, que sexa quen de considerarse como tal, é definir o seu desenvolvemento futuro. Neste senso, para Galiza resulta necesario un labor de organización do territorio, para o que é preciso recuperar as directrices do Estatuto de Autonomía de 1981, que no seu artigo 2.3 e 27.3 sinalaba que unha lei do parlamento galego regularía as bases da organización territorial do país, de acordo coas competencias asumidas. Son propostas de recuperación do pasado para este futuro que agora comeza, pois implica coñecer cales son as estratexias territoriais que ten Galiza para este próximo século. Pero ata agora non dispomos máis que un Avance de Directrices de Ordenamento Territorial presentadas polo goberno anterior en 2004. Poderiamos concluír, porén, que o ordenamento e organización territorial de Galiza, que inclúe a definición de parroquias e comarcas, constitúe un reto histórico que ningún goberno resolveu ata este intre.

A organización territorial de ámbito supramunicipal

Cando escribimos "organización territorial" referímonos tanto aos problemas de ordenamento do territorio como da organización administrativa do país. Os estudos realizados nos anos iniciais deste novo século para determinar a conxuntura económica e as relacións entre Galiza e o Norte de Portugal confirmaron o dinamismo das áreas urbanas que superan os límites dos territorios municipais. Igualmente o mundo rural tamén mudou de xeito relevante: novas paisaxes agropecuarias, aluguer das cotas da UE, turismo rural...

O ser humano (e os galegos somos) ten un conxunto de demandas que se relacionan coa súa identidade como ser social, que forma parte dun colectivo. O espazo xeográfico é un dos referentes básicos neste ámbito de socialización. Pero o espazo vai ser utilizado polo poder político a través da delimitación das fronteiras administrativas en diferentes escalas. Por enriba das gaiolas do localismo aséntase un poder burocrático que se lexitima a través dos procesos electorais e que esquece que o territorio, como as persoas, son heteroxéneos.

Velaí a razón da frustración de moitos proxectos intermunicipais, que incluso provoca a limitación dos mesmos, como sucedeu no caso das comarcas a xuízo do seu impulsor, Andrés Precedo. A estruturación do territorio español despois de 1978 privilexiou as comunidades autónomas sen incidir nos factores e ámbitos de artellamento territorial. O consenso entre os poderes antigos e novos deu lugar a que se mantiveran as deputacións provinciais, cando moitas das súas competencias pasaban a ser xestionadas pola autoridade autonómica.

Pechar en falso o debate territorial repercutiu, como agora tamén, na ausencia de institucións que lles dean resposta ás demandas dos territorios diversos e das persoas con características e necesidades diferentes. As comarcas e as áreas metropolitanas enfróntase así a un dobre obstáculo: o localismo do poder municipal, celoso das súas competencias e o xacobinismo das deputacións e autonomías (Xunta de Galicia) que non queren delegar o seu poder de ordenamento territorial.

Con todo debemos saber que este debate non é específico de Galiza, pois no caso de Portugal tamén asistimos a un proceso semellante, e o mesmo poderiamos dicir de Cataluña. En Portugal apareceron en 2003 as GAM (Grandes Áreas Metropolitanas), ComUrb (Comunidades Urbanas) e ComInter (Comunidades Intermunicipais), no intento de reorganizar o territorio na escala supramunicipal logo do fracaso do referendo rexional de 1998. Pero esta proposta foi rexeitada desde diferentes concellos e finalmente derrogada polo goberno actual.

No caso de Galiza, as comarcas quixeron delimitar un territorio máis funcionalque os concellos para poder definir as estratexias de desenvolvemento local. Así, entre os anos 1996 e 1998 defínese a Lei de Desenvolvemento Comarcal, o mapa e o decreto de áreas funcionais que permitía xuntar algunhas delas. Non obstante, a súa falta de competencias condenounas a un fracaso previsto. A súa actual integración na estrutura funcional da Consellería de Medio Rural mostra que o seu destino radica sobre todo en dinamizar e organizar o medio situado máis lonxe do dinamismo urbano.

Estes dous precedentes legais poñen de manifesto a necesidade de reorganizar o mapa municipal que xurdiu hai case douscentos anos. As demandas da poboación, as esixencias económicas da competitividade mundial e do regulamento ecolóxico do territorio condicionan o debate e determinan a necesidade de mudar os límites municipais. A explicación histórica é actual para comprender que as liortas localistas tamén apareceron no período 1813-1835 onde se fixaron as liñas territoriais de municipios e provincias. Vinte anos de debates e propostas que de seguro vanse repetir neste intre.

En consecuencia, fai falta precisar que se pretende facer cun territorio diferenciado, aínda que teña uns alicerces comúns. Por unha banda, un espazo xeográfico urbano onde existe unha mobilidade intermunicipal, unha dinámica construtiva e un conxunto de recursos patrimoniais que só poden ser abordados desde unha instancia supralocal. Por outra un medio rural determinado tamén pola dinámica urbana, que acusa un forte avellentamento e unha economía dependente de recursos institucionais. Son dous contextos onde é factible diferenciar certas rexións funcionais, como temos subliñado nos Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico ou en estudos xeográficos de Galiza.

Áreas metropolitanas e comarcas


Neste contexto aparece o debate sobre as áreas metropolitanas, que forman parte do debate máis amplo, como quixemos mostrar. Desde un punto de vista xurídico-administrativo, Galicia está distribuída en parroquias, municipios, comarcas e provincias. As parroquias non teñen competencias, agás algúns casos particulares, como Bembrive en Vigo, pero en calquera caso posúen unha importante cantidade de terreos de montes comunais que administran a través de asembleas veciñais. Tampouco as comarcas teñen capacidade de xestión administrativa, pero si poden cumprir unha función de coordinación supramunicipal.

O crecemento económico e as posibilidades de edificar ou comprar unha vivenda nas proximidades dunha gran cidade deu lugar a un aumento da urbanización do medio que se consideraba rural. Isto provocou un incremento da mobilidade e unha demanda de novas infraestruturas, non só de tráfico, senón tamén do ciclo da auga, recollida do lixo, enerxía e telefonía. Un crecemento pouco planificado e moitas veces facilitado por concellos que obtiñan importantes ingresos económicos pola actividade urbanística.

Así, se observamos os incrementos demográficos dos concellos dos municipios das áreas de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol podemos decatarnos de que os municipios periféricos medran máis ca os centrais (ver mapas adxuntos). Un dinamismo periurbano que altera profundamente as relacións entre o ser humano e a natureza. Unhas relacións que son dinámicas e poden xerar un desequilibrio irreversible.

Parece fóra de toda dúbida que os fenómenos metropolitanos teñen lugar en Galiza, aínda que non se recoñeza administrativamente esta funcionalidade. Fai falta un proceso lexislativo e sobre todo político e social, pois unha área metropolitana debe configurar non só unha institución burocrática (que nunca debe incrementar o número de funcionarios), senón sobre todo un organismo de participación democrática.

As xornadas sobre áreas metropolitanas, celebradas en febreiro de 1999 en Valencia, evidenciaron que máis aló do número mínimo de poboación existen varios criterios para definir unha área metropolitana. Os criterios demográficos, de usos de solo e demandas de infraestruturas e equipamentos aparecen tamén cando se trata de definir unhas comarcas rurais. Aquí a finalidade reside sobre todo en facer visibles os concellos do interior, pouco accesibles e sen recursos para conectarse por si mesmos co resto da área máis dinámica. As eivas demográficas (avellentamento e despoboamento) e o escaso dinamismo económico fai inviable unha resposta axeitada só desde os municipios ás demandas de calidade de vida para o século XXI: ensino, sanidade, cultura, acceso á información, seguridade, reciclaxe de auga, conservación dos recursos ecolóxicos...

Parece que a concentración voluntaria municipal a través de mancomunidades ou impulsado a través da Xunta de Galicia a través de comarcas, áreas metropolitanas e urbanas é necesaria. Non podemos esquecer que o tamaño dos municipios galegos é case tres veces menor que os do Norte de Portugal e máis de catro veces menor no total demográfico.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: