Galiza será o único país non americano que contará cun espazo propio na mesma.
A Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración co Padroado da Cultura Galega de Montevideo, organizou varias actividades para divulgar a nosa literatura e produción editorial nun dos países que máis galegos ten recibido na emigración.
Xa este xoves, Élida Abal Santorum, profesora de Lingua e Literatura Galega e membro do CEGAL, presentou Relato dun emigrante do editor e libreiro Manuel Losa ás 19.00 no Salón Vermello da Intendencia. A seguir, a agrupación de pandeireiras e gaiteiros do Centro Val Miñor puxo a nota musical. E este venres ás 18.00, varios membros do Padroado da Cultura Galega lerán obras de Castelao, no Salón Exterior da Feira.
O sábado, Cristina Fernández ofrece un recital e concerto de homenaxe á poesía galega no Salón Azul da Intendencia, entre as 20.00 e as 21.00. Xa o luns, o escultor José Villaverde e o xornalista Mané de Gulfar presentan ao actor Andrés Pazos, que recitará poemas galegos publicados na revista uruguaia "La Tertulia", no Salón Exterior, ás 19.00.
Por último, na xornada que precede ao peche da Feira, o sábado 6, terá lugar unha mesa redonda sobre o poeta José Alonso y Trelles, "El Viejo Pancho". Hai pouco foi homenaxeado no Ribadeo onde naceu hai 150 anos, nunhas xornadas que exploraban a relación cultural entre Galiza e Uruguai.
Na mesa, que comezará ás 17.00 no Salón Exterior presidida polo Director da Biblioteca Nacional do Uruguai, Tomás de Mattos, Alicia Torres, profesora da Universidade do Uruguai, falará sobre o inmigrante galego na literatura uruguaia, o profesor Nicolás Gropp, sobre os artigos de prensa do poeta, e a profesora María de Los Ángeles González Briz, sobre migración e arraigo na obra de José Alonso y Trelles. Ao remate, o grupo de Danza Crioula do Padroado da Cultura Galega ofrecerá unha actuación.
En marcha o Consello Asesor do Libro
Por outra banda, o Consello Asesor do Libro entra en funcionamento despois de se publicar no DOG o decreto que regula a súa composición e obxectivos. Forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, e elaborará informes sobre índices de lectura e produción editorial, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización.
Tamén creará unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizará o Congreso do Libro Galego, editará a Axenda do Libro e elaborará informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.