O sindicato nacionalista convoca para este mércores o primeiro acto de protesta diante da sede central da Xunta.
O grupo parlamentario popular non pensa mover ficha para que se modifique o controvertido plus de altos cargos. O seu voceiro, Manuel Ruiz Rivas, transmitiulle a postura dos conservadores a Anxo Louzao, representante da CIG.
O sindicato nacionalista prosegue as súas reunións cos partidos galegos para que se anule o aumento de sobresoldos a ex altos cargos que sexan funcionarios, logo de xa facelo a semana pasada co BNG, que se comprometeu a apoiar a iniciativa.
Ruiz Rivas explicou que o PPdeG “estudará” os cambios se algún grupo os propón. Porén, sinala que non van dar o primeiro paso para manter a coherencia cunha decisión “na que teñen responsabilidade os tres grupos”
Primeira protesta diante de San Caetano
Mentres, a CIG non ten pensado recuar na súa loita. De feito, a central segue adiante coa convocatoria dunha concentración de protesta diante da sede central da Xunta, en San Caetano (Compostela). O acto terá lugar este mércores ás 11.30 horas e os convocantes convidan aos cidadáns a participar. O sindicato insiste que o plus aprobado vai crear “unha casta provilexiada composta polos funcionarios que ocuparon nalgún momento postos de designación política”