Logo das tensións dos últimos meses, o vicepresidente deixa claro que o BNG vai manter o seu “compromiso” co bipartito.
Quintana está convencido que o pacto vai ir máis aló desta lexislatura
A coalición entre socialistas e nacionalistas é un proxecto de longo percorrido, alomenos así o pensa o líder do BNG, Anxo Quintana. O vicepresidente galego recoñeceu este domingo nunha entrevista na Radio Galega que existen discrepancias entre os dous partidos pero matizou que estas non supoñen ningún atranco para levar adiante políticas eficientes. Quintana subliñou que o BNG cumprirá a súa palabra e prognostica que o bipartito “vai ser un goberno estábel, duradeiro e unha fórmula non só para catro anos”.
Quintana coida que non vai haber cambios no executivo español logo das eleccións do vindeiro mes de marzo. Asegurou que o BNG vai traballar arreo para lograr uns bos resultados e facer que “Galiza teña representación e conte porque isto é o mellor freo para esa involución antidemocrática que o PP quere implantar e que tamén queren levar adiante determinadas partes do PSOE”.
O futuro de Francisco Rodríguez
Quintana falou sobre o labor que desenvolveu o deputado nacionalista Francisco Rodríguez no Congreso español nos últimos 12 anos: “o seu traballo é dificilmente igualábel e Galiza débelle moito” . Logo de recoñecer que a miúdo mantén puntos de vista distintos aos do líder da UPG, sinalou que está convencido de que Rodríguez, que se retira da vida parlamentaria, vai “permanecer activo na política e iso para o BNG é moi importante”.