A publicación estadounidense analiza catro puntos: os retos do cinema galego, a produción na TVG, o sector da animación e os novos directores.
'Variety' é unha das máis prestixiosas do sector
A revista estadounidense Variety, a máis importante do sector do entretemento no mundo, dedica no seu número impreso deste 24 de setembro (que xa pode ser consultado na súa web) un espazo a analizar a industria audiovisual galega, con motivo do especial informativo sobre o Festival de Cine de Donostia.
En concreto, céntrase en catro puntos: os retos do cinema galego, a produción na TVG, o puxante sector da animación e os novos directores que comezan a despuntar.
Industria do cinema galego
A reportaxe, redactada por John Hopewell e María Álvarez Rilla, considera que a industria do cinema en Galiza, xunto coa de Cataluña, está a impulsar a produción fílmica do Estado español, cuns ingresos de 45 millóns de dólares (algo máis de 33 millóns de euros) en 2006. Porén sinala que o sector afronta importantes cambios no que a financiamento e distribución se refire.
Neste senso, recolle as declaracións do secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, quen afirma que "cómpre consolidar o sector, introducindo o financiamento privado e as estruturas de negocio na cultura".
Produción na TVG
A revista afirma que as máis importantes produtoras audiovisuais galegas están a trasladar o seu negocio cara a televisión. Así, cita programas como Criaturas, Hai que mollarse ou A Casa de 1906, das que destaca os altos índices de audiencia acadados na súa emisión na TVG.
Salienta sobre todo o éxito dos docudramas ambientados no rural que, segundo Antón Reixa, de Filmanova, "atraen as novas xeracións urbanas", mais non deixa de lado a importancia do fútbol ou de programas de humor coma O show dos Tonechos nas audiencias da Galega.
Animación
O sector da animación tamén ocupa un importante espazo na reportaxe de Variety, representado principalmente polo fonsagradino Julio Fernández, presidente de Filmax. As producións estanse a centrar principalmente nun nicho de adultos novos que xa están afeitos a animación con computadoras, afirma a revista.
Porén, sinálase que malia a proliferación de producións de animacións en Galiza, o intercambio de coñecementos (a obtención de licenzas para o seu uso) entre compañías segue a ser unha eiva no sector.
De profundis (Continental) de Miguel Anxo Prado, ou Zombie Western (Perro Verde) son algúns outros exemplos de produción de animación feita en Galiza, citados en Variety.
Directores no país
Por último, a publicación estadounidense fai unha pequena referencia sobre algúns dos directores que están comezando a despuntar en Galiza. Así, por exemplo, fala de Xosé Manuel Quiroga (Tocando fondo, de Zircozine-La Zona e coproducida por Luís Tosar); Paco Ranal (Linko Killer, de IB-Nadir-Jaibo); Mario Iglesias (Catalina, de Voz Audiovisual-Matriuska); Luís Avilés (Retornos, de Vaca Films-Patagonik); e Afonso Zarauza (Spleen, de Perro Verde-Iroko)