Pretenden construír un edificio sobre un importante xacemento arqueolóxico na zona do faro. O castro apareceu en xullo, e o concello tardou varios días en paralizar as obras.
Situación exacta das obras da urbanización 'Faro de San Ciprián', xusto enriba do xacemento arqueolóxico
A presidenta de Adega, Adela Figueroa, foi persoalmente ver o comezo das obras que a construtora "Promociones San Ciprián" ten na zona da Atalaia, a 30 metros escasos da costa, na vila de San Cibrao, no Concello de Cervo, (Lugo). Figueroa saíu moi impresionada da magnitude do xacemento e do pouco coidado que se tivo no comezo das obras, que esnaquizaron unha parte do castro. "A min aquel lugar produciume unha fonda impresión de degradación", dixo, ao tempo que valoraba a posibilidade de facer unha denuncia pública do feito.
Arestora un grupo de arqueólogos, pagados pola propia promotora, está a facer unha cata arqueolóxica na zona, namentres as obras están paralizadas.
Unhas obras que aínda tardaron en paralizar
No outono do ano pasado descubrírase o cuncheiro do castro, durante a construción dun observatorio de aves, que finalmente foi paralizado. Mais daquela a construtora deste novo edificio xa tiña todos os permisos en regra e o permiso do Concello de Cervo para comezar a construír.
Foi en xuño cando apareceu o xacemento, xusto cando estaban comezando a botar os alicerces do edificio. Daquela o grupo municipal do BNG, encabezado por Xoán Antón Estúa, chamou á delegación provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, avisando do achado. Patrimonio púxose en contacto co concello o venres 1 de xuño, polo que non chegou a Cervo até o seguinte luns, 4 de xuño. O xoves a seguir, día 7, o Seprona comprobou que a construción seguía adiante, así que Cultura contactou co concello, que ordenou paralizar a obra o venres ás dúas da tarde, cando xa se destruíra parte do cuncheiro.
Agora as obras seguen paralizadas, e o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, reuniuse esta semana co BNG de Cervo. Tras a xuntanza, segundo lle contou a Vieiros Xoán Antón Estúa, o grupo municipal do BNG púxose en contacto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, do PP, para comunicarlle que aínda existen posibilidades de preservar o xacemento, mais, ao ter a promotora todos os servizos en regra, a única saída posíbel sería que os construtores fosen indemnizados.
Para Xoán Antón Estúa, a preservación total do castro requeriría o compromiso doutras administracións, como o Ministerio de Medio Ambiente, a través da Dirección General de Costas, mais o dirixente do BNG cervense asegura que eles teñen "o firme convencemento de que o castro se vai poder preservar, porque existen moitas posibilidades de o facer".
Mais o BNG tamén cuestiona a forma "pouco ortodoxa" na que se están a facer as prospeccións arqueolóxicas. As catas, que terminarán nunha semana, están a empregar unha pa retroescavadora, o que leva a pensar, segundo Estúa, "que os traballos non se están facendo da forma que deberan".
O "Residencial Faro de San Ciprián"
No mesmo lugar xa hai un edificio de 5 pisos de altura que nunca tivo todos os permisos en regra, desde que se construíu, hai preto de 20 anos, polo que nunca foi habitado. Pegado a este edificio é onde Promociones San Ciprián proxecta construír o seu "Residencial Faro de San Ciprián", un edificio de 5 pisos e 40 vivendas, xusto por riba do castro.
Na páxina web da promotora anúnciase a obra como "unha situación única en España", xa que é "único conxunto residencial en España que ofrece a posibilidade de residir nas inmediacións dun faro" e "en primeira liña de costa".