O medio estadounidense potenciará os ingresos por publicidade en lugar dos procedentes a través das subscricións.
O New York Times ofrecerá a partir do mércores todos os seus servizos en liña de balde. O servizo TimesSelect pechará, despois de dous anos de funcionamento. Até o momento, ler os textos dos máis prestixiosos articulistas do xornal custaba 7,95 dólares ao mes ou 49,95 ao ano.
A partir da noite da terza feira, os contidos de pago irán desaparecendo e quedarán dispoñíbeis para todo o público. A estratexia do senlleiro medio estadounidense encádrase na estratexia de basear os beneficios na publicidade e non nas subscricións. A responsábel da web, Vivian Schiller, cre que a apertura de contidos e o aumento de visitas “creará un fluxo de ingresos que superará as ganancias das subscricións”, que eran duns dez millóns de dólares ao ano.
Do mesmo xeito ca o resto dos xornais dos EUA, o Times precisa aumentar os ingresos da edición dixital fronte ao descenso da publicidade e das subscricións da versión en papel. O único medio estadounidense que mantén unha versión dixital de pago é The Wall Street Journal.
Así, dende o mércores, todo o público poderá acceder aos artigos dos 23 columnistas, ás ferramentas de personalización da páxina e aos arquivos dende 1981 e de antes de 1923, que forman parte do dominio público, segundo a lexislación estadounidense.