Un pequeno municipio da comarca de Betanzos é o primeiro en aprobar en pleno o Manifesto promovido por AGNIX.
Logo de AGNIX
Vilasantar, un concello de 1.500 habitantes no sur da Comarca de Betanzos, é o primeiro municipio do país que se pronuncia de xeito formal a prol do software libre. E é que a xunta de goberno local deulle o seu apoio ao Manifesto a favor do Software Libre e formatos abertos ás administracións locais de Galiza este verán nun pleno.
Este manifesto é unha iniciativa de AGNIX para promocionar os programas abertos entre as administracións públicas. Con motivo das últimas eleccións locais, AGNIX remitiuno aos 315 municipios galegos e agora Vilasantar, gobernado pola alcadesa do BNG Manuela García, é o primeiro en darlle luz verde.
Flexibilidade e aforro
O aforro de custes en licencias e a capacidade de modificar os programas segundo as necesidades de cada concello son dúas das vantaxes que aporta o software libre ás oficinas públicas. Así o recoñece o PEGSI, o documento que guía a política de novas tecnoloxías da Xunta, e que é unha das bases do Manifesto de AGNIX.