A Lonxa Literaria organiza este concurso de pequenos relatos en galego, que non han de superar as 15 liñas.
Xa levan cinco anos organizando este concurso no que se premia con 300 euros o mellor relato curto de todos os enviados. Este debe de estar escrito en galego e non pode superar as 15 liñas. Ademais, este ano como norma principal, o texto deberá conter a palabra "toxo". O ano pasado a palabra obrigada era "croque", e o anterior "batea", e "peaxe" en 2004... e así fan cada ano.
Os relatos hanse de entregar antes do 31 de outubro e o xurado, composto, segundo contan dende a asociación A Lonxa Literaria, "por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura", comunicará o seu fallo o día 15 de novembro.
Os mellores de entre os recibidos publicaranse na páxina web desta asociación, onde podedes tamén ler os gañadores doutros anos.