Tan só 16 segundos o afastaron dos protagonistas da xornada: Leonardo Piepoli, que consegue a súa primeira etapa, e a Denis Menchov, de Rabobank, novo xersei de ouro na súa chegada a Cerler.
Ezequiel Mosquera na contrarreloxo de onte
O ruso lidera tamén a combinada e remonta na clasificación por puntos, malia non quitarlle o liderado ao galego Óscar Freire. Pola contra, foi un día crítico para Pereiro, quen finalmente abandonou. A montaña e a doenza que sofre dende onte derrotárono, e, xunto con Bradley McGee, do Française Des Jeux, Francesco Chicchi, do Liquigas, e Arkaitz Durán, do Saunier Duval, houbo de retirarse.
E o Karpin queda cuarto na clasificación por equipos da xornada, a dous minutos do líder, o Caisse d'Epargne, por baixo do Predictor e o Euskaltel, polo cal sobre até a oitava posición da xeral, que segue liderando o Caisse. En canto á montaña, Serafín Martínez mantense de primeiro.
A xornada de hoxe era especialmente dura, cunha subida final de 12 quilómetros, dun total de 167,6 que separan Huesca da estación de esquí de Cerler. Mañá, na que xa é a décima etapa da Vuelta, son nada menos que 214 quilómetros os que toca percorrer, dende Benasque até Andorra (Vallnord, a 2.200 metros). Polo medio, retos como o Collo de Fadas (1.420 metros) ou o Porto do Cantó (1.720 metros) agardan polos ciclistas.